Unha revisión crítica e unha análise xurídica do uso da forza policial durante o mandato de Obdulia Taboadela
O MpDC presentou hoxe na Coruña un Informe no que se analisa a utilización da forza policial contra colectivos de todo tipo na cidade da Coruña durante os últimos dous anos, que se convertiu nun particular buraco negro para as liberdades cívicas. Estas cargas inxustificadas foron a resposta común ante todo tipo de mobilizacións cidadás e sempre foron abertamente apoiadas e respaldadas pola Delegación do Goberno e polo Concello da Coruña, ambas responsabilidade do Partido Socialista
O Informe afirma que existiu un perceptíbel cambio de tendencia na actitude das forzas policiais a partir da designación de Obdulia Taboadela como subdelegada de goberno no provincia da Coruña. Así, o informe percorre até oito cargas policiais nos últimos dous anos, a comezar en abril de 2005, contra manifestantes nacionalistas, antimilitaristas, traballadores inmigrantes, bombeiros, siareiros de fútbol, funcionarios municipais ou traballadores do telemarketing, que sufriron a violencia da Policía Nacional ao mobilizarse na rúa de distintas formas, sen que as administracións intercedesen para solucionar os conflitos laborais, políticos ou sociais, que son o trasfondo real que explica a mobilización, e optaron pola criminalización e a utilización da forza policial de forma inxustificada e para casos nos que non está previsto mesmo na lexislación vixente.
Na presentación contouse cunha ampla representación de colectivos afectados. Así, Mónica Díaz, do Comité de Empresa de Atento, explicou como se produciu unha carga indiscriminada –cinco persoas foran atendidas en centros sanitarios- na mobilización convocada tras o despedimento de 179 traballadores mesmo a pesar de que o tráfico xa estaba a ser desvíado e non se producira ningún altercado negativo para a cidadanía. Roberto Tizón, traballador municipal que foi desaloxado da acampada Obelisco, tamén denunciou unha violencia absolutamente inxustificada contra unha protesta laboral e a cumplicidade da alcaldía neste proceso. Diego Bernal, membro de Siareiros Galegos, tamén explicou como viviron unha carga desproporcionada na que se dispararon pelotas de goma e se cargou contra quen estivera diante, despois de que a propia Delegación do Goberno modificara o curso da manifestación.
Por último, Xosé Anxo Brandariz, profesor de Dereito Penal na UdC, encargouse da análise xurídica e explicou que se trababa de casos de emprego da forza policial non amparados pola lexislación vixente, a carentes das esixencias de necesidade e proporcionalidade no uso da forza requeridos pola xurisprudencia, que estipula claramente que a coacción física é o derradeiro recurso e non o primeiro, ademáis de lembrar a deficiencia conxénita nas prácticas policiais no Estado Español e a falta de formación en dereitos humáns das forzas policiais e o contraste cos países do noso entorno.
O MpDC lembra que hai unha responsabilidade política directa na figura da subdelegada do Goberno, que agora vai asumir outras responsabilidades públicas, e agarda que Obdulia Taboadela non asuma funcións de seguranza no Concello coruñés no caso de revalidar alcaldía o seu partido. Do mesmo xeito, o MpDC estará vixiante polo cumprimento da limitada lexislación en defensa dos dereitos e liberdades cívicas, e agarda que os novos responsábeis de Subdelegación e Concello actúan cunha mínima e imprescindíbel sensibilidade democrática.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario