O MpDC pide que a Carta teña forza de lei e que nela se inclúan as propostas incluidas no proxecto de Lei de acceso á información
Reclama que os cidadáns e cidadás galegas poidan acceder, tanto individual como colectivamente a toda clase de información e expedientes en poder da Administración
O MpDC mantivo hoxe unha reunión coa Secretaría Xeral de Presidencia da Xunta de Galiza para abordar a Carta de Dereitos Cidadáns e a súa relación co proxecto de Lei de Acceso á Información en poder das administracións. Renato Núñez, portavoz do MpDC e Alba Nogueira, avogada e profesora na USC e colaboradora do Movemento, expuxeron ante a Xunta de Galiza a inquietude da asociación ante a posibilidade de que a Carta de Dereitos dos Cidadáns quede en papel mollado, xa que non conta en principio con forza de lei. Como é coñecido, a Xunta afirmou que ten o propósito de eliminar as actitudes de "silencio, opacidade e prepotencia" na administración pública, e que a Carta sería a ferramenta axeitada.
O Movemento polos Dereitos Civís si que ratifica que son moitas as dificuldades coas que se atopa a cidadanía para acceder á información das diferentes administracións, e non en cuestións intrascendentes, senón en asuntos relacionados coa liberdade de expresión, coa vixilancia da cidadanía, cos dereitos fundamentais ou cos abusos policiais. Mais precisamente para tentar achegar solucións nesta materia, o MpDC xa expuxo o ano pasado un proxecto de Lei sobre o Acceso á Información en Poder das Administracións, que tenta garantir que os cidadáns e cidadás galegas poidan acceder, tanto individual como colectivamente a toda clase de información e expedientes en poder da Administración, sempre salvagardando o dereito á intimidade, a averiguación de delitos e as medidas de seguridade. O proxecto é coñecido desde hai máis de medio ano por todos os grupos parlamentares. Precisamente, agora o MpDC pide que este proxecto teña forza de lei e que na mesma se inclúan as propostas presentadas polo MpDC na Lei de acceso á información.
0 comentarios:
Publicar un comentario