Un traballo de Carlos Bello Stout sobre os dereitos lingüísticos dos galegofalantes residentes fóra da Comunidade Autónoma gaña o certame, que ten como premio o importe da súa matrícula universitaria
O MpDC tamén publicará o traballo de Tamara Guirao Espiñeira sobre “A protección de datos en Galiza: a deslocalización do telemarketing”
O xurado concedeu o premio do certame “Dereitos Civís en Galiza” ao traballo de Carlos Bello Stout “Dereitos Lingüísticos na Faixa Oriental”, que podedes descargar en PDF. Tal e como expón o autor, o traballo é “unha análise do status quo dos dereitos fundamentais en materia lingüística dos cidadáns galegofalantes que, por acaso, naceron nun lugar ás veces chamado exterior”.
O xurado valorou o interés e relevancia do tema, a calidade científico-técnica e a coherencia interna, a corrección e claridade da exposición e a utilidade que poden ter as propostas formuladas na práctica administrativa. Por petición do xurado e ante a calidade do traballo o Movemento tamén publicará o traballo de Tamara Guirao Espiñeira sobre “A protección de datos en Galiza: a deslocalización do telemarketing”, que tamén podedes descargar aquí.
O traballo comeza cunha análise da historia dos territorios (nomeadamente coa demarcación provincial de 1833, as iniciativas de modificación no 36 ou a criazón das actuais Comunidades Autónomas) e cunha aproximación sociolingüística que xa dá lugar á exposición do marco legal dos dereitos sociolingüísticos, a nível estatal-constitucional, continental (Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias) e universal (Declaración de Dereitos Lingüísticos).
O autor salienta o desigual desenvolvemento normativo dos dereitos lingüísticos nas distintas administracións. En síntese, nos territorios baixo administración asturiana atopamos cun paradoxo que deu lugar a múltiples polémicas, xa que unha modalidade lingüística con moi notábeis carencias dedícase a tutelar unha lengua tamén minorizada, mentres que nos castellano-leoneses úsase unha fórmula aberta e declarativa de protección da lingua galega que non implica a súa oficialización plena, se ben permitiu o ensino do galego de xeito optativo, nun número crecente de estudantes. Tamén a nivel local se produciron tentativas de protección do patrimonio lingüístico, así como outras iniciativas xa sen trascendencia xurídica.
O autor analisa tamén as tímidas medidas iniciadas desde a Comunidade Autónoma Galega e a Real Academia Galega (que é unha academia do idioma e non da CAG simplesmente, como acertadamente se matiza) para concluír que hai unha ausencia de vontade política evidente en intensificar esta liña de actuación. Por último, faise unha comparación de problemáticas paralelas noutros lugares do estado.
Nas conclusións, o autor desbota as opcións máis acaídas nun plano teórico (división do Estado en áreas cunha única lingua oficial, reunificación nun ente único galego, etc…) para se centrar na defensa das que considera máis viábeis, como a defensa do galego na reforma do Estatuto de Autonomía de Castilla-León e a mención específica de lingua protexida no texto asturiano ou a instauración dun Estatuto comarcal semellante ao berciano. O realmente sorprendente é que as medidas máis úteis para o autor xa están escritas (mais nunca aplicadas) no Plano de Normalización Lingüística aprobado pola C.A.G.
Carlos Bello Stout é licenciado en dereito pola Universidade de Santiago coas especialidades de dereito público e dereito privado. Na actualidade cursa na USC un posgrao en dereito tributario e o segundo ciclo da licenciatura en ciencias políticas e da administración.
Por outro lado, queremos salientar que por petición do xurado e ante a calidade do traballo tamén se publicará no informe o traballo de Tamara Guirao Espiñeira sobre “A protección de datos en Galiza: a deslocalización do telemarketing”. O traballo parte dun dos problemas emblemáticos xerados pola globalización neoliberal, a deslocalización, e as repercusións que ten nos nosos datos cando se produce no telemarketing , cunha situación de fundo marcada por unha situación laboral precaria e o descoñecemento dos dereitos dos usuarios da telefonía.
Recollido en:
Diario do Bierzo
Diario de León
Vieiros
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario