A Delegación afirma que a operación foi correcta, pero non ofrece un só informe escrito e remite á cuestión á Subdelegación do Goberno
Unha operación desproporcionada contra vendedores ambulantes inmigrantes rematara con 16 detidos, varios feridos e a indignación xeralizada entre a cidadanía
O Movemento polos Dereitos Civís dirixiuse o ano pasado á Delegación do Goberno en Galiza para solicitar o esclarecemento dunha actuación claramente desproporcionada en agosto do 2006 na Rúa Real da Coruña. Na resposta achegada pola Delegación do Goberno afirmabase que o modus operandi fora “axeitado”, pero en canto o MpDC solicitou unha copia dos informes solicitados ou das investigacións realizadas para comprobar se a actuación foi correcta, a nova petición foi remitida á subdelegación do Goberno en A Coruña
Entendemos que é lóxico preguntarse pola existencia deses informes e desas investigacións relativas a unha actuación que se remonta até agosto, e cando os informes foron solicitados en decembro –e a investigación solicitada en setembro- , polo que tan só se trataba de envialos. O Movemento polos Dereitos Civís entende que é lóxico sospeitar que a ocultación pode deberse a unha ausencia de proporcionalidade na actuación ou que simplemente non se realizou ningunha investigación, buscando a mera xustificación das actuación policials.
Na actuación investigada polo MpDC, a Policia Nacional, coa colaboración da Policía Local, organizara un dispositivo coa presenza de axentes de paisano, furgóns, motocicletas e automóbiles para pechar a rúa e deter a 16 persoas, todas elas inmigrantes, que cada noite desplegaban diversas mercadorías na rúa, coa excusa de por fin á presunta venda de música “pirateada”; sen embargo, a operación tamén incluíu aos que vendían pezas de artesanía elaboradas por eles mesmos, e mesmo amigos que se atopaban nese lugar no momento das detencións. Por último, foi precisa a presenza de varias ambulancias para atender aos feridos e varias persoas que simplesmente paseaban polo lugar testemuñaron que chegaron a temer pola súa propia seguridade, e que mesmo recriminaron á policia a súa acción, con frases recollidas por diversos medios de comunicación como “só lles faltou entrar con tanques”.
Ao igual que no momento dos feitos, o MpDC segue a exixir o esclarecemento:
-Da proporcionalidade entre as medidas adoptada e o suposto delito que se persigue.
-Do posíbel perigo para a cidadanía que transitaba pola rúa.
-Da conformidade coa legalidade vixente do trato recebido polos detidos, e a garantía dos seus dereitos.
Atopámonos máis unha vez na clásica odisea legal de peticións, respostas baleiras e novas peticións, que na práctica impiden á cidadanía, mesmo a asociacións especializadas como a nosa, exercer o Dereito de Petición, apesar de que os principios constitucionais e estatutarios establecen a necesidade de que nun Estado democrático de Dereito a administración pública sexa transparente. Máis unha vez, lamentamos a violación deliberada do dereito da cidadanía a receber información puntual e transparente das actuacións policiais, e a negativa da Delegación do Goberno a colaborar de forma efectiva na investigación destes abusos.
Por último, o MpDC exixirá que sexa a Delegación do Goberno quen aclare o acontecido, e non a Subdelegación, pois foi o Sr. Ameijeira quen xustificou a actuación policial e consideramos que debe aportar a documentación sobre a que fundamentou as súas afirmacións.
A Delegación do goberno non esclarece a actuación na Rúa Real da Coruña en agosto do ano pasado
Written By Virgulino on 8/2/07 | 11:10
Etiquetas:
Delegación do Goberno,
Dereito das Persoas,
Dereito de Petición,
Dereito dos estranxeiros
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario