Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A CARGA POLICIAL EN VIGO RELATADA EN PRIMEIRA PERSOA

Written By Virgulino on 8/5/06 | 20:46

Esta mañá estiven alí, na rúa Urzáiz con Gran Vía, xusto no momento da carga policial. A policía disparaba a bocaxarro pelotas de goma contra os manifestantes, estiveran preto ou lonxe, directamente á cara. Foi a causa desos golpes recibidos que varios manifestantes tiveron que ser auxiliados no centro de saúde da Rúa Cuba, sangrando abundantemente pola boca e ollos, concretamente un rapaz de vintetantos anos tiña un ollo moi danado.

Todo comezou cando os manifestantes desplazábanse cara a estación do tren de forma pacífica. A consigna dos sindicatos era non armar xaleo de cara a mesa de negociación desa tarde. Pero algún responsábel da policía, decidiu cambiar as cousas. Montaron unha barreira con furgonetas e antidisturbios fronte ao muro da estación e comezaron a disparar pelotas de goma e lanzar gases lacrimóxenos. Os reiterados disparos a moi pouca distancia e apuntando á cara dos manifestantes alterou tremendamente os ánimos e traballadores de todas as idades comezaron a berrar consignas contra a Policía que os estaba agredindo.

A policía a partir dese momento comezou a cargar contra todo o que se movía. Dividiron aos efectivos e dous ou tres grupos de furgonetas e tentaron rodear aos manifestantes na Gran Vía, no tramo do Corte Inglés. Os traballadores fuxían avenida arriba cara a Praza de España, mentres pequenos grupos levantaban barricadas con contedores e prendíanlles lume para frenar o avanzo violento da policía.

Na Praza de España entablouse unha batalla campal. Os manifestantes armáronse co único que tiñan á man: pedras, anacos de ladrillos e baldosas das beirarrúas, ao tempo que se caldeaban os ánimos. Un grupo da policía subíu pola Gran vía disparando desde as furgonetas. Semellaban os Marines en pleno Bagdad. Outro grupo de vintecinco ou trinta policías tentaba avanzar desde a rúa Porto Rico para coller polas costas aos manifestantes atentos á Gran Vía. Algúns decatáronse da maniobra e tiveron que intentar que varios automóbiles parados se quedaran quietos onde estaban, pesie aos chamamentos da policía para que se apartasen para poder así irrumpir coas furgonetas. Empregaban as furgonetas como parapeto mentres seguían disparando e os manifestantes facían o mesmo cos automobiles aproveitando que a policía non atacaba coa xente por diante. A pesar de todo os manifestantes non responderon ás provocacións dese grupo de policías.

De repente cinco furgonetas irrumpiron na Praza de España polas costas dos que alí se congregaban empregando as rúas Fernando Domingo e Couto circulando a gran velocidade en sentido contrario. Varias furgonetas arrollaron ao seu paso a manifestantes. Os antidisturbios disparaban desde o interior das furgonetas en marcha contra todo o que se movía. Policías a pé, protexidos con escudos batían en todo o que se lles interpoñía no camiño, manifestante ou non. A un home duns 40 anos zoupáronlle coa porra na boca a pesares de ter levantadas as mans en sinal de paz. Caeu abatido ao chan e da boca manáballe sangue en abundancia. Non se lle distinguía a faciana. Foi acudido rapidamente por compañeiros. Chamouse a unha ambulancia e foi trasladado ao Xeral Cíes, a súa dentadura quedou moi danada.

Os manifestantes fuxiron por todas as rúas que nacen na Praza de España. O desconcerto era total e a organización nula. O medo era omnipresente. As carreiras pola Gran Vía e a rúa Barcelona e Zamora en dirección á Praza das Travesas sucedíanse. A indignación dos traballadores pola agresividade totalmente desproporcionada e a desmedida resposta da policía era crecente.

A policía comezou a circular coas furgonetas en grupos de tres ou catro unidades a toda velocidade realizando círculos en torno á Gran Vía e Praza de España, disparando desde os vehículos en marcha coas portas abertas. O obxectivo era claro, provocar o medo e incertidume, causar sensación de ser maioría e acurralar aos manifestantes. Estratexia policial de manual..

Un nutrido grupo de manifestantes convocaba aos traballadores desperdigados e tentaba reagruparse para marchar sobre a Praza do Rei para realizar unha asamblea e decidir como responder ante os acontecementos e a provocación policial, pero varias unidades policiais impediron celebrar a asamblea. Irrumpiron nas inmediacións da Praza do Rei e cargaron contra todo aquel que ficase quieto en grupos e máis de tres persoas. Varios mandos entorpecían, e chegaron a impedir, a algúns medios de comunicación acceder ao lugar e informar sobre o que acontecía, vese que despois das gravísimas imaxes que filmaran na Praza de España e Urzáiz non querían máis testemuños gráficos.

Se esta tarde non se comeza a negociar en serio e non baixa a presión e ostentación policial nas rúas de Vigo, mañá a cidade será escenario dunha guerra. A vinganza contra a actuación policial será moi contundente. Eles teñen ganas de bater e os traballadores de respostar. Meses de impago e condicións laborais precarias xeran moita xenreira. A violencia xera violencia. O subdelegado do Goberno deberá telo moi presente. Vigo non é nen euskadi nen Bagdad. Pode ser peor. Deus non o queira. Que se chegue a unha negociación e solución pronto.

0 comentarios:

Publicar un comentario