O Movemento polos Dereitos Civís quere expresar o seu apoio e convocatoria á manifestación que terá lugar o vindeiro domingo 18 de decembro en Santiago de Compostela, ás 12.30 baixo o lema "Defendamos os nosos dereitos. Paremos a represión".
O Movemento polos Dereitos Civís fai un chamamento a participar nesta mobilización polo constante acoso e persecución, propios dun estado profundamente antidemocrático, a que están sometidos os movementos sociais, políticos e sindicais na Galiza, e boa mostra desto son os últimos acontecementos como a denominada "Operación Castiñeira" contra AMI, no que se vulneraron dereitos como o da presunción de inocencia das persoas que estiveron detidas, que son apresentadas por instancias policiais, xudiciais e mediáticas como culpábeis dos xenéricos delitos que lles son imputados sen necesidade de xuízo, provocando un enorme dano persoal para os/as detidos/as e un efeito de criminalización social dos movimentos sociais en que participan. Tamén é de salientar o saqueo dos centros sociais galegos que tamén se viron perxudicados economica e socialmente con este dispositivo represivo..
Tamén con operacións como esta se vulnera o direito de asociación e de participación política e a liberdade de expresión, reunión, opinión ou difusión de ideas; todos eles recoñecidos e amparados pola Declaración Universal de Direitos Humanos, o Pacto Internacional de Direitos Cívicos e Políticos e a propia Constitución Española.
Mais é de salientar que esta mobilización tamén quere incidir no recurte das liberdades e dereitos que estamos a viver en Galiza, e que o MpDC ven denunciando co xuizo aos tres sindicalistas de Lugo, aos veciños do Eixo, ou a un membro de Nunca Máis Lugo, entre outros númerosos casos que vimos denunciando e que poñen de manifesto que aquelas persoas que se atreven a erguer a súa voz contra aquilo que consideran inxusto, viven situacións de suspensión dos seus dereitos, ante o cal é preciso dar unha resposta colectiva e mobilizadora.
Facemos un chamamento á sociedade civil a que participen desta mobilización porque é un xeito de visibilizar que permenecemos alerta e vixias ante estes gravísimos acontecementos, co obxectivo de que sexan respeitadas as garantías xurídicas, así como amosamos o noso rexeitamento a falta de respecto que no noso país se dan aos dereitos e liberdades fundamentais.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario