Paremos a represión
O constante acoso e persecución, propios dun estado profundamente antidemocrático, a que están sometidos os movementos sociais, políticos e sindicais na Galiza acadaron nos últimos tempos niveis alarmantes.
Mostra disto son as ondas represivas da Guardia Civil contra a xuventude galega organizada, concretamente as operacións “Cacharrón” contra BRIGA e “Castiñeira” contra AMI, esta última posta en marcha co respaldo da Audiencia Nacional e no marco da cal foron detid@s 10 independentistas e asaltados, alén das moradas d@s detid@s, os centros sociais da Gentalha do Pichel, a Esmorga e a Revolta, roubando información interna da organización xuvenil atacada, as súas infraestruturas e recursos económicos das súas e dos seus militantes, alén de paralizar dúas webs independentistas.
Ante estes graves feitos manifestamos,
- Este salto cualitativo aféctanos a tod@s, xa que instaura un antes e un despois, un perigoso precedente despois do cal calquera organización, plataforma, asociación ou agrupación pode ser considerada non grata, pode ser declarada asociación ilícita en función de intereses particulares.
- A nosa máis rotunda condena ao circo mediático-policial da que foron obxecto as 10 persoas detidas. Os mesmos medios de comunicación que non adxudican nin unha soa liña ou minuto a informar das numerosas actividades dos Centros Sociais asaltados ou ás organizacións populares, cubriron intensamente os saqueos e detencións alentando un xuízo paralelo no que o veredicto xa estaba ditado.
- A criminalización e persecución dunha determinada organización ou colectivo pola mera razón de pretender mudar a actual orde de cousas non só é unha mostra de autoritarismo político, senón que é un grave atentado aos nosos dereitos políticos e colectivos, unha mutilación irreparábel da liberdade de expresión e asociación que non pode ser permitida.
- Esta nova onda represiva pon en evidencia os graves déficits democráticos do Estado español, onde as ideas disidentes son perseguidas con impunidade, e o papel do PSOE do talante coma continuador das políticas de constantes recortes das liberdades e dos dereitos colectivos, iniciadas nos oito anos de goberno do Partido Popular.
- Facemos un chamamento ao conxunto das organizacións, colectivos e persoas a título individual, a solidarizarse coa xuventude independentista acusada de asociación ilícita e evitar o intento efectivo de coartar a auto-organización popular.
- É o momento de dar unha resposta coma País, coesionada e sen fisuras, por cima das siglas e dos matices ideolóxicos e políticos, a quen quere impor a lei do silencio e impedir a auto-organización da nosa sociedade a tódolos niveis.
Galiza, 18 de decembro de 2005
En defensa dos nosos dereitos
Written By Virgulino on 11/12/05 | 21:22
Etiquetas:
Actuacións Policiais,
Actuacións Xudiciais,
Dereito á Liberdade de Expresión,
Dereito das Persoas
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario