Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Preséntase a solicitude de indulto dos tres sindicalistas de Lugo condenados a penas de cárcere

Written By Virgulino on 12/1/05 | 18:24

O Movemento polos Dereitos Civís, Esculca e Xustiza e Sociedade consideran a sentenza desproporcionada



As organizacións Esculca, Observatorio pola Defensa dos Dereitos e as Liberdades Públicas; Xustiza e Sociedade de Galiza e o Movemento polos Dereitos Civís presentaron esta mañá, ante o Ministerio de Xustiza a petición de indulto para os traballadores de Lugo sentenciados a máis de 13 anos de cárcere e a multas que se achegan aos 20.000 euros por participar nun piquete na folga xeral do 20 de xuño de 2002.



A petición de indulto baséase na propia sentenza, que recoñece que se trata de penas desproporcionadas e anima aos condenados para que recorran aos “mecanismos legais previstos a fin de aminorar as elevadas penas”.



As organizacións sociais, no texto presentado diante do Ministerio de Xustiza sinalan que se debe ter en conta que as condutas polas que son condenados “tiveron lugar no contexto do exercicio do dereito fundamental de folga, como acredita a propia sentenza, e no seo dun numeroso piquete integrado por diversos sindicatos”.



Engádese ademais que do propio relato se desprende que se trata “dunhas condutas imprevistas, non premeditadas, que se precipitaron inopinadamente nun ambiente de tensión folguista, o que permite razoabelmente concluír que non se han repetir polos condenados”.



Alarma social

Na petición de indulto engádese que é preocupante a alarma social xerada “non polos delictos enxuizados, senón polas penas impostas”. Alarma constatada na manifestación convocada en apoio aos sindicalistas condenados, que foi “unha das maiores da historia recente da cidade de Lugo, superior mesmo, á manifestación de repulsa habida tras do desastre ecolóxico do Prestige”.



As organizacións Esculca, Movemento polos Dereitos Civís e Xustiza e Sociedade solicitaron tamén unha reunión co Ministro de Xustiza para explicarlle directamente os motivos polos que se solicita o indulto para os tres sindicalistas.



Por: Paula

0 comentarios:

Publicar un comentario