Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Os supostos dilemas sobre o estado policial ou democratización

Written By Virgulino on 11/10/04 | 16:23

Recentemente, no diario El País (10/09/04) publicábase un artigo co título “Putin ante o dilema: estado policial ou democratización.” Así, baixo este titular, a xornalista falaba dun suposto dilema que deriva do tráxico desenlace da toma de reféns en Beslán, onde morreron arredor de 400 persoas e houbo centenares de persoas feridas.



A xornalista introdúcenos nas supostas disxuntivas que teñen os estados entre seguridade, garantías xurídicas e democracia que se dan nas "democracias" (con isto non nos gustaría que se pense que cualificamos a Rusia como unha democracia). Un debate viciado dende o inicio, pois comézase cunha postura xa avanzada de difícil contestación: presuponse, de inicio, que as garantías e dereitos xurídicos dos xusticiables axudan os criminais a "librarse" das consecuencias das súas accións ou delitos (deberiamos cualificalos de "supostos", pero vaiamos pouco a

pouco).



No noso país, ao fío dos debates iniciados polo Partido Popular con motivo das modificacións das diferentes leis penais (sobre todo a Lei de axuizamento criminal e o Código penal), algunhas aprobadas a golpe de maiorías solitarias e outras pactadas co PSOE, tamén nos metemos nas entrañas do gran debate. No noso caso, os motivos non nos separaban moito do "dilema" de Putin: os xuíces, debido ao garantismo do sistema xudicial, non lle poden aplicar a merecida pena a unha serie de delincuentes (aos que se prexulga e sentencia en abstracto antes do xuízo) que xeran inseguridade e preocupación nas nosas rúas.



Estas foron as faíscas do noso "dilema e debate"; unha suposta subida das taxas de comisión de delitos e a imposibilidade de facerlle fronte a esta suba coa actual configuración do sistema xudicial. Así, estas faíscas propiciaron un incendio en España que supuxo a modificación en

poucos meses de ata 5 leis orgánicas (si orgánicas, desas que afectan os dereitos e liberdades fundamentais). En relativamente poucos meses creáronse novos procedementos xudiciais, novos delitos, modificáronse as causas da prisión provisional, reformouse a lexislación penal (en canto ao cumprimento íntegro das penas e á supresión do acceso aos beneficios penais polos presos)...

Toda unha batería de reformas onde se xuntou a inseguridade cidadá, a inmigración, o terrorismo (de ETA sobre todo, aínda que coa mente posta no terrorismo radical de carácter islámico), a violencia de xénero e a pronta visita do período electoral.



En pouco tempo atopámonos con dilemas e alarmas sociais. Case daba a sensación de que non se debía saír de casa, xa que se corría o perigo de sufrir todo tipo de atracos e sufrimentos "aderezados" pola inutilidade do sistema xudicial que amparaba o delincuente malo. Pero, por arte de maxia, mirando as cifras atopámonos con que en España hai máis de 185.000 axentes de policía, sumando os efectivos da Garda Civil, a Policía Nacional, a Ertzainza, os Mossos de Escuadra, e as policías municipais (uns 50.000). Esta cifra dá unha media de 485 axentes de policía por cada 100.000 habitantes, unha porcentaxe que, segundo datos da ONU, só é superada en Europa occidental polo norte de Irlanda, con 520 por cada 100.000. E tamén nos atopamos con que o persoal de seguridade privada pasou de 10.341 a 104.214 axentes. Algo non debe ir ben no noso país cando temos unha das cifras de axentes (públicos ou privados) máis alta e a inseguridade cidadá segue aumentando. As conclusións que se nos ocorren son moitas e variadas..., pero hai que calalas.



De súpeto miramos o dilema en España (e moi probablemente noutros moitos países, entre eles Rusia) e debemos facelo de forma diferente. Á vez que aumenta a sensación de inseguridade cidadá, aumenta, de forma espectacular, o número de axentes de seguridade públicos e privados ata colocarnos en cifras que nos sitúan á cabeza de todos países europeos. Sen ter que indagar profundamente, atopámonos con que a prisión provisional, aquela que se cumpre sen sentencia (ou sexa que aínda –ata que se demostre o contrario- es inocente malia que xa estás no cárcere) xeneralízase ata chegar a cifras do 21% do total dos reclusos (unhas 13.000 persoas no cárcere sen sentencia segundo cifras do Ministerio do Interior). Vemos a introdución da xustiza “express” con dous novos procedementos (axuizamento rápido de determinados delitos e o xuízo de faltas inmediato) para asegurarnos de gardar os problemas canto antes no lixo –perdón, quixemos dicir no cárcere-. Dámonos de fociños coa redución dos permisos penais e co cumprimento íntegro de penas (para asegurarnos de que os delincuentes podrecen no cárcere)...



Poderiamos continuar ata o infinito indagando e vendo con que nos atopamos na área máis controvertida das nosas “democracias”, aquel lugar onde os dereitos e liberdades dos que case gozamos se converten en degradación, tortura, discriminación, exclusión, marxinación... Pero non ten sentido, pois a lista é longa e gustaríanos ser moito máis extensos e exhaustivos do que nos permiten unhas pequenas letras neste artigo. Só queremos rematar volvendo ao “dilema” do principio do artigo: “estado policial ou democratización”. Queremos reconvertelo noutro dilema, o dilema dos que dirixen os estados, dilema que se reduce ao estorbo dos dereitos e garantías e ao estorbo dos problemas sociais ante os cales o problema, ou disxuntiva, é con que grao de dureza se lles vai aplicar o "noso" estado de dereito; ata onde os imos criminalizar; ata cando osimos encerrar; e todo isto querendo á vez gañar as eleccións e manter o estatus de país occidental respectuoso cos dereitos. É o problema da incapacidade de solucionar certos "asuntos" a través do dereito penal. Problema co cal usarán a antiga receita española "se non queres caldo, toma sete cuncas"... e entón o que se fai é redobrar as penas, fortalecer ou endurecer os sistemas penais. Porque, fronte á perda de referencias do "estado-nación" na era globalizada, o que lle queda (as súas últimas sacudidas?) é o "estado penal" o exercicio do monopolio da violencia, único campo (policía, xuíces e cárceres)onde relativamente (e xa se verá que pasa) o estado mantén intactas as súas competencias de intervención.



0 comentarios:

Publicar un comentario