Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC denuncia que se pecharan parcialmente as urxencias do CHUS de Compostela polo esvaemento de Fraga no Parlamento de Galicia

Written By Virgulino on 7/10/04 | 11:59

A utilización indebida do sistema sanitario público por parte do presidente da Xunta, fai dubidar da igualdade de trato que se ofrece no Sergas



O Movemento polos Dereito Civís (MpDC) quere por en coñecemento varias denuncias que nos chegaron sobre a situación que se viviu no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) o pasado martes despois do esvaecemento do presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, no Parlamento Galego. Neste hospital, pertencente ao sistema sanitario público galego, pecháronse parcialmente as urxencias para atender con maior atención ao presidente da Xunta.



Esta medida, desproporcionada e inxusta para o resto da cidadanía, que non ostentamos ningún cargo político, é unha acción que supón unha vulneración dos dereitos dos pacientes e un despilfarro dos recursos sanitarios.



Esta non é unha situación illada senón que se veñen producindo reservas e inutilización de camas nalgúns servizos de dito hospital ante o estado de saúde de Manuel Fraga.



Desde hai un tempo, cos diversos ingresos do presidente da Xunta en distintos centros sanitarios públicos galegos se está a dar esta mesma situación que estamos a denunciar, por exemplo, nas súas revisións periódicas. Manuel Fraga parece poder elixir até ao médico que máis lle interese sen importar onde reside, xa que ingresa periódicamente nun hospital público da Coruña, cando a súa residencia está en Santiago de Compostela e existe esa mesma especialidade médica no CHUS.



Desde o MpDC queremos denunciar este claro trato de favor, que aínda nos parece máis grave pola situación que se vive actualmente nas listas de espera nos centros sanitarios galegos, tanto para a realización de probas diagnósticas como para a realización de intervencións quirúrxicas, e máis aínda coa situación de saturación que se produce no servizo de urxencias do centro compostelano, e que foi denunciado publicamente reiteradas veces este ano polos usuarios do complexo e os sindicatos.



Por: Renato

0 comentarios:

Publicar un comentario