Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Renato Núñez: "Pretendemos que as institucións reaccionen"

Written By Virgulino on 15/6/04 | 10:10

GALICIA HOXE | Entrevista



O Movemento polos Dereitos Civís creouse no ano 2002 para velar polos dereitos fundamentais dos cidadáns. Renato Núñez é o coordinador do colectivo.



O Movemento polos Dereitos Civís ofrece asesoramento xurídico. ¿Como funciona?

Do servizo encárgase un voluntario, un rapaz que rematou dereito. Pódese expoñer o problema a través do correo electrónico e quedar con el para un encontro.



¿Recibides moitas queixas?

Non demasiadas. Normalmente xéranse en torno a un acto puntual, como unha manifestación. Tamén adoitan xurdir durante as reunións mensuais das organizacións que integran o Movimento.



¿Cales son os resultados?

O noso obxectivo é facer reaccionar ás institucións ante a vulneración dos dereitos fundamentais, máis que obter resultados concretos. Un dos nosos principais logros foi conseguir que a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo lle solicitara á Comisión Europea que adopte unha postura sobre a denuncia que efectuou o Movemento pola manipulación informativa por parte dos gobernos galego e español en torno ó caso 'Prestige'.



Boa parte das vosas actuacións están relacionadas coa actitude abusiva da Policía.

A maioría dos policías de Santiago actúan correctamente, pero se cometen algunha irregularidade e alguén quere denuncialos, non pode facelo porque se negan a identificarse ou dan un número de placa falso, o que xera unha total indefensión dos cidadáns.



Outra das protestas refírese ás cámaras de videovixilancia

Levamos 17 meses intentando conseguir os permisos desas cámaras sen resultado. No Movemento cremos que o ideal sería retiralas porque Compostela non é unha cidade violenta e poden vulnerar o dereito á intimidade.



A nova Ordenanaza municipal sobre publicidade estática si que se fai eco das vosas peticións.

Tentamos tratar o tema cos grupos políticos locais e só nos recibiu o BNG. A nova Ordenanza permite pegar cartaces nas paredes de formigón ou ladrillo e prevé a colocación de mupis, pero o Concello non marca un prazo para instalalos. Outras das nosas reivindicacións non se recollen.



¿Tedes algunha nova proposta en marcha?

Pensamos incluír nos informes anuais aspectos nos que o Movemento non intervén directamente pero sobre os que ten que ter un pronunciamento, como o feito de que 20.000 mariñeiros non poidan votar. Os dereitos constitucionais son moitos, non só os que nos queren vender, como a unidade de España, e hai que defendelos.



0 comentarios:

Publicar un comentario