Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Denuncian unha "brutal carga" da Policía Local de Santiago

Written By Virgulino on 26/3/04 | 11:15

Galicia Hoxe | Galicia



Seis dos rapaces que supostamente foron golpeados o sábado 13 de madrugada pola Policía Local de Santiago



Tocaban na rúa cando lles pegaron "sen dar explicacións''



Mauro Arias, Agustín Bello, Manuel Peleteiro, José Álvarez, Javier Álvarez e Guillermo Martín estaban o sábado de madrugada tocando os tambores na compostelá rúa das Casas Reais cando, segundo din, tres coches da Policía Local se achegaron e comezou unha "brutal carga indiscriminada''. Segundo os rapaces e o Movimento polos Dereitos Civís, non é "un feito illado'', senón "un dos múltiples abusos'' das forzas.



Eran as 5.00 da mañá do 13 de marzo. Cando viron ós axentes, aseguran que recolleron os seus instrumentos e comezaron a camiñar para marchar "sen problemas'', pero "os seis axentes empezaron a perseguirnos a porrazos con todo o mundo''. Logo "sumáronse catro policías máis''. "Pedímoslles a identificación e explicacións, pero nada''. "Porrazos no peito, nos xeonllos, no cu...'', din, e tamén que a un "pisáronlle a cabeza coas botas''.



A persecución chegou á rúa do Mercado, onde un dos coches policiais "se encastrou contra un muro''. "Fomos sempre submisos, démoslles o DNI, pero non atendían a razóns''. Finalmente, detiveron a cinco dos rapaces, que permaneceron na comisaría ata as 14:30 do sábado. "Esposáronnos. Preguntabámoslles por qué e un dixo: Eu son un mandado''. Os rapaces afirman que pasaron "moito medo''. "Choraba porque me picaba o spray que me botaran nos ollos e eles dicíanme que era un crío''.



A Policía Local non quixo facer declaracións, pero o parte daquel día non ten moito que ver co relatado. Segundo o presentado no Xulgado de Instrucción 1, "vinte persoas tocaban timbais na rúa e non deixaba durmir os veciños'', que avisaron ós axentes. O parte recolle que insultaron os policías con frases como "fora chulos, que sodes uns fachas'' e eran "agresivos'' polo que se "viron na obriga de usar a forza mínima necesaria para facerse co control da situación''. Un dos axentes sufriu unha contusión na cella polo "lanzamento de pedras, botellas e vasos''.







"Eles só fan o seu traballo''



Segundo o Movemento Polos Dereitos Civís, o responsable de Seguridade Cidadá do Concello, Xosé Baqueiro —do PSdeG-PSOE— afirmou que "eu sempre defenderei á Policía Local porque fai o seu traballo''. A organización esixe que se abra unha liña de investigación e asegura que partidos políticos como o BNG, sindicatos como a CIG e outros organismos xa se interesaron por presionar para que se esclareza o asunto. Ademais, os rapaces supostamente agredidos din que "axentes da Policía Nacional nos dixeron ese día que os da Local son uns bestas e uns animais''.



Un dos rapaces que "conseguiu escapar'', David Rivera, persentou un escrito ante o Valedor do Pobo describindo o presenciado. "Déronme un potente e desmesurado porrazo na cabeza, deixándome sen percepción auditiva e sensitiva en xeral uns cinco ou dez segundos...Ían como cazador sobre a súa presa''. Tamén foron presentaron queixas no Concello de Santiago e agardan unha respostas das autoridades competentes.



0 comentarios:

Publicar un comentario