Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Concello de Ribadavia persegue o colectivo de Rumanos

Written By Virgulino on 29/8/03 | 9:50

As medidas propostas polo Concello para”paliar a delincuencia” son totalmente anticonstitucional.



O Movimento Polos Direitos Civís quere mostrar o seu rexeitamento ás declaracións do Alcalde de Ribadavia, quen quere realizar un listado de rumanos que residan neste concello có teórico obxectivo de diminuír os roubos que se están a realizar nesta vila. Esta actitude, claramente xenófoba, non axudará a solucionar o problema de delincuencia que poida existir en Ribadavia, criminalizará a todo un colectivo e aumentará a súa marxinación. Si como o rexedor manifesta, a policía dispón das fichas de delincuentes habituais desta nacionalidade; que sexa a propia policía quen realice o traballo de, seguimento e posta a disposición da xustiza daqueles elementos reincidentes, no caso de ser necesario.



Por outro lado convidamos ao Alcalde e ao Presidente da Asociación de Empresarios, quen pediu que non se alugaran pisos a rumanos, a que realicen un listado das empresas que vulneran sistemáticamente a lexislación laboral: esta empresa de construcción que non da as vacacións aos seus traballadores, este supermercado que non paga as horas extras ou ese restaurante que paga por debaixo da táboa salarial. Empresas que ademais benefícianse da mao de obra inmigrante e lles obriga a traballar por debaixo das condicións mínimas estipuladas polos convenios e polo Estatuto dos Traballadores. Así, ao igual que queren marxinar dunha forma criminal ao rumanos, poderán pedir que prescindamos dos servicios destas empresas que non fan máis que aproveitarse de traballadores necesitados e se sabe con seguridade que delinquen, por mor das Sentencias dos Xulgados Sociais.



Como a posta en funcionamento deste segundo listado non se lles pasa pola cabeza, parece evidente que hai unha delincuencia que lles resulta aceptable, aquela levada a cabo polo “respetable” empresario, e outra que non, a de colectivos máis desfavorecidos.



Desde o Movimento Polos Direitos Civís formularemos unha Petición ao Concello para que plasme por escrito os detalles desta iniciativa que procederemos a por en coñecemento do “Defensor del Pueblo” e do Ministerio Fiscal para que estudien este proxecto, claramente racista e xenófobo.

0 comentarios:

Publicar un comentario