O Valedor do Pobo reclamou novamente información ao Concello de Lugo pola instalación de cámaras de videovixilancia no casco histórico da cidade, concretamente no barrio da Tanería, xa que a institución local aínda non deu resposta ao anterior requerimento remitido polo Valedor.
O Concello de Lugo vén adiando a entrega do informe preceptivo demandado polo Valedor do Pobo, a instancias dunha denuncia presentada polo MpDC, dende hai meses e mesmo tentou confundir a institución de carácter social presentando documentación relativa a outras cámaras instaladas en distintos puntos da cidade.
Dende o Movemento polos Dereitos Civís lémbrase que as cámaras localizadas no entorno do Pazo do Orbán carecen de autorización e non forman parte dos dispositivos de vixilancia da Muralla nin, tal e como quere facer entender o Concello, están destinados a uso de control do tráfico.
Por esta razón, a asociación en defensa dos dereitos civís insta ao goberno a presentar a documentación que acredite que as cámaras instaladas cumpren todos os requisitos esixidos pola lexislación actual, así como que se respecta o libre exercicio dos dereitos fundamentais dos cidadáns e cidadás.
0 comentarios:
Publicar un comentario