Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC en contra do novo convenio colectivo do Concello de Vedra

Written By MpDC on 20/4/10 | 13:54

O Movemento polos Dereitos Civís vén de coñecer que o Concello de Vedra aprobou un novo convenio colectivo do persoal laboral do dito concello que, segundo o Movemento, vulnera a legalidade e trata de normativizar o acceso ao emprego con procedementos que favorecen ao colectivo agora contratado máis alá do razoable.

O MpDC amósase totalmente en contra de que o Concello de Vedra aprobe un convenio que é inxusto cos traballadores e que fomenta a discriminación e a subxectividade a hora da contratación de persoal para o concello. O convenio vulnera dereitos básicos das persoas,
como é o dereito á igualdade e ademais atenta contra a imparcialidade que ten que ter unha administración pública por definición, afectando indirectamente á confianza que os cidadáns teñen nos políticos.

O Movemento considera que todas estas políticas de manipulación reguladas por medio de convenios son fórmulas que, a longo prazo, non benefician aos seus creadores, porque co tempo a cidadanía dáse de conta do que sucede e das irregularidades e inxustizas que o seu concello fai e acaban perdendo o apoio do pobo.

O convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Vedra indica que nalgúns caso a forma de acceso ao emprego pode ser unicamente o sistema de concurso (en lugar de concurso-oposición), sistema que a lei prevé como excepcional. O MpDC non esquece que moitas destas prazas cubríronse no seu día vía resolución da alcaldía, polo que moitas delas non pasaron un mínimo procedemento de selección, que sería o lóxico tendo en conta que se tratan de prazas para cubrir postos públicos..

O MpDC lamenta profundamente ter que posicionarse en contra dun convenio colectivo, pero mantense firme na defensa dos dereitos das persoas e de que unha cousa é a necesaria consolidación do emprego, e favorecer a mesma, e outra diferente é pretender regalar o emprego na administración dun concello.

0 comentarios:

Publicar un comentario