A presidenta e o voceiro do Movemento polos Dereitos civís, Rocío Blanco e Renato Nunes, respectivamente mantiveron esta mañá unha xuntanza co portavoz nacional, Guillerme Vázquez. Rematada a reunión, Vázquez sinalou que a existencia dun movemento destas características é necesario “para defender os dereitos civís e a democracia”.
“Nun momento no que os dereitos das persoas son vulnerados, no que pasamos do correo postal inviolábel ao mundo das novas tecnoloxías, onde se pode acceder a toda caste de información e de datos das persoas sen control, cómpre defender os dereitos civís para garantir a democracia”, dixo.
Lei de Acceso á información
O BNG considerará a posibilidade de impulsar unha proposición de Lei de Acceso á información, de acordo coa proposta presentada polo Movemento polos Dereitos civís, “o acceso á información está limitado en moitos concellos co fin de dificultar o traballo da oposición, cando é un dereito inalienábel”, sinalou o portavoz nacional. Ademais, Guillerme Vázquez comprometeuse a estudar a proposta para impulsar a creación dunha Axencia Galega de Protección de Datos, en consonancia con outras que xa existen en Catalunya e Euskadi.
Pola súa parte, os membros do Movemento polos Dereitos civís déronlle a coñecer os obxectivos desta asociación, que conta con 8 anos de traxectoria. Dende a súa creación, buscaron un control do funcionamento das administracións públicas para comprobar que garanten os dereitos dos cidadáns e cidadás, na forma na que está recollido no artigo I da Constitución. Ademais, durante a xuntanza, entregáronlle un informe anual co seu traballo ao portavoz nacional.
“Consideramos fundamental o dereito ao acceso á información nun Estado democrático para o bo funcionamento das institucións e da cidadanía, xa que súa carencia leva a unha inseguridade xurídica grande e a que os cidadáns non poidan reclamar aquilo que en teoría se lle garante”, sinalou Renato Nunes. “Podemos comprobar que nin sequera se nos permite acceder á información básica para poder realizar o noso traballo e mesmo hai situacións nas que somos penalizados”, indicou.
Así, Guillerme Vázquez recibiu un texto cunha proposta de Lei de acceso á información, redactada polo Movemento polos Dereitos civís, que facilitaría o traballo tanto de colectivos sociais como de organizacións políticas na defensa dos intereses dos cidadáns, para que as institucións faciliten a documentación que se lles require.
Lei de Protección de datos
Dende o colectivo están interesados tamén en impulsar unha Lei de protección de datos, “fundamentalmente en relación coas cámaras de videovixilancia”, pois gañaron varias sentenzas neste sentido.
Propuxéronlle tamén ao líder do BNG a idea de crear unha Axencia Galega de Protección de Datos. “Consideramos que a axencia española está saturada e non ten capacidade para asimilar a cantidade de denuncias presentadas”. Renato Nunes afirmou, neste sentido, que nin a Delegación do Goberno, nin o sistema de videovixilancia utilizado polo Ministerio de Interior están cumprindo coa Axencia de Protección de Datos estatal, de forma que unha axencia galega permitiría facilitar o traballo de control destas entidades e, incluso, na previsíbel implantación dos escáneres corporais dos aeroportos.
Axencia galega de boas prácticas policiais
Da mesma forma, tamén propuxeron a creación dun mecanismo de control das actuacións dos corpos e forzas de seguridade, a través dunha Axencia galega de boas prácticas policiais, para evitar reaccións desproporcionadas, das que fai seguimento o Movemento polos Dereitos civís.
Guillerme Vázquez expresou que o MpDC “é necesario para defender os dereitos civís e a democracia”
Written By MpDC on 2/2/10 | 18:05
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario