O MpDC presenta o seu informe anual para 2008
Written By MpDC on 18/11/09 | 12:53
O Movemento polos Dereitos Civís vén de presentar o seu informe anual referente ao 2008, o que constitúe a sexta edición deste resumo de seleccionados artigos de opinión e fondos traballos sobre os dereitos reunidos en formato libro. Nesta ocasión inclúe unha enquisa sobre os Corpos e Forzas de Seguridade.
Para o colectivo, aquelas actuacións máis criticadas en 2008 foron as cargas policiais, as vulneracións do dereito de igualdade ante a lei e as sufridas no que atinxe ao dereito de honra, intimidade e propia imaxe. No que respecta ao maior número de recursos presentados polo MpDC, o Concello do Grobe, a Delegación do Goberno e a Agencia Española de Protección de Datos foron as que concentraron un maior volume de escritos da asesoría xurídica da asociación.
Destacan as cargas e actuación policiais que 6 de cada 10 galegos consideran desproporcionadas, cargas exemplificadas contra as traballadores da limpeza de Pontevedra, os mariscadores do Burgo (que contaban con autorización da Delegación do Goberno para a manifestación) os veciños que protestaban contra a ampliación da área de seguridade da Brilat de Figueirido, os estudantes contrarios ao Plan Bolonia e contra cidadáns defendían o galego na Coruña, entre outras.
Na presentación do dito informe, realizada esta mañá en conferencia de prensa, o colectivo tamén chamou a atención sobre unha investigación interna da policía por unha carga en Vigo e sobre a que a Inspección de Persoal se negou a informar.
Por outro lado estas cargas van acompañadas, cada vez máis, de xuizos rápidos nos que os corpos de seguridade buscan conseguir unha sentenza antes de seren denunciados polos manifestantes. Neste sentido, o MpDC lembra que, ademais, o 54% dos galegos consideran que a Xustiza non é imparcial e favorece aos funcionarios policiais neses casos.
Por outro lado a Delegación do Goberno non se cuestiona en ningún caso a actuación policial, incluso no caso da carga de Vigo no que os axentes denunciaron aso manifestantes por agresión pero non foron capaces de identificar ao ferido. Nalgún caso a Delegación negou a carga afirmando que “algunha señora se viu afectadas polo empurróns própios das manifestación” referíndose a unhas manifestantes feridas.
Neste sentido o MpDC lembrou que xa realizou unha proposta de Axencia para controlar as acutacións policiais e lamentou a nula utilidade Consello Autonómico de Seguridade cidadán que non foi convocado desde a súa constitución, aínda cando temos o Xacobeo a poucos meses.
Igualdade perante a lei
Aos ollos do Movemento, este punto é especialmente conflictivo pola presunción veracidade das declaracións dos Corpos e Forzas de Seguridade. Na conferencia de prensa, os representantes do colectivo lembaron o caso dun profesor de Ortigueira que foi denunciado por un garda civil aínda cando este foi advertido polos viandantes de que a súa actuación era incorrecta.
Resulta dificil convencer, logo, aos viandantes para que testifiquen contra un axente e pasar todo o proceso xudicial. Aínda cando se gañe o xuízo danse moitos casos como o Indulto aos policías Vigo que indultaron a Mamadou Kane e viron como o seu indulto foi ratificado polo Supremo no 2008.
Ese mesmo problema de tiveron os veciños do Eixo que non conseguiron anular a presunción de veracidade das declaracións policiais (a pesar das contradiccións destes no xuízo). Nembargantes, a solicitude de indulto que realizaron foi denegada no 2008.
O 56,8% dos galegos consideran que a Xustiza favorece aos políticos e ás administracións e esa é a impresión que deixa a denuncia contra Paco Vázquez por non acatar as sentenzas que obrigan a utilizar o topónimo oficial de A Coruña. Segundo o Xulgado, o antigo alcalde de A Coruña non tivo intención de desobedecer as setenzas ao non cumprilas. Cal foi logo a intención? Pregúntase o MpDC.
Dereitos dos estranxeiros
O Movemento polos Dereitos Civís tamén fixo mención na súa publicación anual e destacou na conferencia de prensa o caso de inmigrantes menores traídos do País Vasco, caso que a fiscalía arquivou alegando que xa tiñan “case” 18 anos.
Honra, intimidade e imaxe
O avance da videovixilancia sin control, a saturación da Axencia Española de Protección de Datos e falta de interese da Delegación do Gobenro en cumprir a normativa vixente agravan a situación dese dereito, informou o MpDC.
No 2008 o Movemento demandou á Xefatura Provincial de Tráfico de Ourense, o Concello de Lugo, ao Concello do Grobe, ao Concello de Ares e gañou unha sentenza contra o de Compostela que ordena a retirada das cámaras ilegais da zona vella da cidade.
Por outro lado tamén se presentaron queixas ao Defensor del Pueblo e ao Valedor do Pobo que deron resultados contraditorios. No caso das videocámaras instaladas na Coruña, mentres Múgica instou ao concello a cumprir coa lei o Valedor do Pobo aquivou a queixa alegando que xa tiñan conseguido autorización (a lei obriga que a autorización sexa previa á instalación das videocámaras).
En todos os casos a Delegación do Goberno mantivose á marxe, incluso xustificando instalación que logo foron postas en cuestión ou autorizando a posteriori instalacións xa realizadas
Por último, resolucións como as recaídas contra os contenciosos contra o Concello de Ribeira e contra o Concello de Ourense polas súas cámaras de tráfico fan un fraco favor ao dereito á imaxe. En ambos os dous casos as cámaras de tráfico gravaban e as imaxes empregáronse para fins relacionados coa seguridade cidadá (para o que necesitarían a autorización da Delegación do Goberno). Nembargantes, todos os organismos xustificaron a súa utilización deixando en papel mollado a vixente Lei de Videovixiancia.
Durante a presentación do informe anual do MpDC, os seus responsábeis tamén destacaron os ficheiros policiais ilegais atopados en Sada e sobre os que a Agencia Española de Protección de Datos decidiu non tomar ningunha medida. Porén, as cámaras de videovixilancia, denunciadas por eses mesmos policías locais, foron sancionadas pola Agencia.
Por útlimo, o MpDC tamén denunciou no 2008 a gravación ilegal de detidos por parte dos axentes.
Liberdade de expresión
Como asunto máis chamativo no que a liberdade de expresión se refire, o MpDC destaca as xornadas de formación a Gardas Civís nos que se recomendaba tratar con especial atención aos cidadáns que portaran simboloxía nacionalista como os autocolantes GZ.
Tamén destacaron as medidas emandas do concello do Grobe no que un Edil popular pedía o rexistro municipal de blogueiros e o concelleiro de seguridade cidadán denunciou a comparsa “Os da criba” por facer coplas para o entroido.
Na presentación desta mañá o MpDC tamén volveu denunciar a retención de mozos e mozas por “colar carteis independentistas”, que o despregue dunha pancarta na Xunta en Vigo custase 4000 euros ou a denuncia da Guardia Civil contra 12 veciños de Arteixo por concentrárense en lembranza dun mozo que morrera nun cuartel da Guardia Civil.
Galiza 2008
Mentres o alcalde de Compostela se nega a cumplir a sua ordenanza de publicidade estática, a prohibición de informar aos medios no parlamento sufrida por Suso Seixo foi outra das denuncias feitas polo MpDC a nivel nacional en 2008, así como ue se detectou un aumento das negativas a autorizar concentracións e manifestacións.
A saturación da Administración de Xustiza e a percepción subxectiva da importancia dalgúns asuntos están a levar a unha moi baixa efectividade da mesma. Os membros do Movemento polos Dereitos Civís destacaron o arquivo da demanda contra a promotora Construcuatro ou a absolución de Paco Vázquez na denuncia por incumprimento da normativa sobre a toponimia (incluso se perdeu o expediente) ou a negativa a investigar os impedimentos para acceder aos plenos de Vigo, entre outras moitas.
Por último, o colectivo destacou os efectos da prisión prventiva que supuxo no caso de Giana o cumprimento dunha pena maior a súa condena.
Etiquetas:
Actuacións Policiais,
Administración de Xustiza,
AGPD,
Concello da Coruña,
Concello de Ares,
concello de arteixo,
Concello de Lugo,
Concello de Ourense,
Concello de Pontevedra,
Concello de Ribeira,
concello de vedra,
concello do grove,
Delegación do Goberno,
Dereito á Liberdade de Expresión,
Dereito das Persoas,
Dereito de reunión e manifestación,
Dereito dos estranxeiros,
dereitos dos traballadores
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario