Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC critica a actuación policial nunha agresión en Ferrol

Written By MpDC on 11/11/09 | 14:47



Unha familia de orixe chileno atopábase o día 4 de outubro no portal da súa casa cando unhas 30 persoas comezaron a insultalos, ameazalos e agredilos -segundo fontes que informaron á asociación- “cunha clara compoñente racista”.

Tal e como se pode extraer dun comunicado emitido polo Foro Galego de Inmigración, as vítimas chamaron en tres ocasións ao 091 para pedir axuda.
En declaracións recollidas polo dito colectivo, na primeira chamada os axentes alegaron non ter competencia para actuar, na segunda dixeron non poder facer nada ao respeto e na terceira chamada “directamente non colleron o teléfono”.

Segundo a información achegada na mañá de hoxe polo Foro Galego de Inmigración, o subdelegado de Goberno afirma que as chamadas realizadas polas vítimas foron “de curta duración” e “con moito ruído de fondo” e que foi por ese motivo que a policía non actuou. Tamén considera que a agresión se trata dun “feito illado e casual” da fin de semana ou dun contexto de festa, afirmou o subdelegado José Manuel Pose Mesura.

O MpDC fai pública a súa queixa ante estes feitos acontecidos na cidade por parte das forzas de seguridade ferrolás considerando que unha vixilancia máis efectiva podería evitar agresións e ataques desta índole. Ao respecto, o colectivo lembra que as forzas e corpos de seguridade teñen o deber de velar polos dereitos da cidanía sexa cal sexa a súa orixe.

Desde o Movemento vese con preocupación que o subdelegado do Goberno empregue uns argumentos tan someros á hora de describir a actuación policial tendo en conta que os feitos aos que se refire atinxen ás persoas, elemento esencial nas competencias do organismo público.

Por desgraza, este tipo de declaracións equívocas e desleixadas son habituais cando o referente son colectivos sociais con risco de exclusión, ao igual que en moitas outras situacións nas que se require que a Delegación ou Subdelegación se pronuncie sobre feitos que as atinxen. Neste sentido, o MpDC pregúntase, unha vez máis, cales son os intereses que defenden.

0 comentarios:

Publicar un comentario