Sánchez Bugallo segue sen facilitar os expedientes solicitados polo MpDC
Written By MpDC on 28/10/09 | 12:13
O Defensor del Pueblo volveu pórse en contacto co Movemento polos Dereitos Civís para comunicarlle que, ante a tardanza en recibir o informe solicitado ao Concello de Santiago con relación ás desproporcionadas medidas e os controis realizados pola policía durante o 25 de xullo de 2006, volveu pedir unha vez máis á institución, e con carácter urxente, que remita tales documentos para poder investigalos.
O Concello de Santiago segue negándose unha vez máis, máis de tres anos despois, a facilitar ao Defensor del Pueblo un informe policial que xa lle foi solicitado en dúas ocasións por esta institución. Con anterioridade fora o Movemento polos Dereitos Civís o que solicitara ao Concello información sobre tales acontecementos. Perante o silencio e a vontade obstrucionista do goberno municipal, o MpDC pregúntase canto tempo máis pensa agardar o Defensor antes de declarar ao concello como institución hostil e en aplicar as medidas e sancións pertinentes.
O Movemento polos Dereitos Civís considera que chegados a este punto, e tendo amosado o alcalde compostelano un absoluto desprezo polo dereito de petición dos cidadáns e polas solicitudes do Defensor, a única saída posible é incluír de novo o Concello lista de entidades hostís e entorpecedoras. Fai xa meses que Enrique Múgica enviou ao Concello unha segunda petición, de carácter urxente, solicitando a presentación do informe policial sobre os feitos acontecidos na capital galega en xullo de 2006. O Defensor del Pueblo intervira no caso a petición do MpDC, que viu como a petición de información presentada ao Concello en novembro de 2006 era totalmente ignorada pola administración. O Defensor censurou esta denegación do dereito de petición que asiste á asociación e requiriu a presentación do informe solicitado.
Non se pode ignorar, non obstante, a gravidade do feito de negar a cidadáns ou asociacións o lexítimo dereito de petición, coa conseguinte restrición da participación informada na vida pública. Neste caso, o MpDC quería coñecer as causas e motivacións que levaron á policía a desenvolver un desproporcionado e invasivo dispositivo durante o 25 de xullo de 2006.
Durante eses días sucedéronse os controis, os cacheos, as medidas restritivas do dereito de circulación e uso do espazo público. O Movemento solicitaba o acceso os informes policiais que deberían existir de calquera actuación das Forzas de Seguridade. Negar o acceso aos mesmo só contribúe a fomentar unha cultura da impunidade e arbitrariedade nas actuacións da policía que non beneficia en absoluto nin a esta nin, por suposto, aos cidadáns. O MpDC agarda un pronunciamento do Defensor que condene e sancione esta persistente opacidade administrativa.
A resposta do Concello non puido ser máis infantil, nega unha vez tas outra ao Defensor del Pueblo a existencia dun expediente da petición de información, cando o MpDC garda copia do documento con data de entrada no rexistro. O Concello non só mentiu á instituciaon encargada de velar polos dereitos dos cidadáns, senón que se obstina tamén en negarlle o acceso ao informe en cuestión. Por desgraza, non se pode afirmar a estas alturas que resulte sorprendente a actitude escurantista do alcalde Sánchez Bugallo, que parece ter feito da opacidade un dos seus eixos de goberno.
Etiquetas:
Concello de Santiago de Compostela,
Defensor del Pueblo,
Dereito das Persoas
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario