Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC quéixase de que non conten coa asociación para a Xornada sobre videovixilancia que se organiza na Coruña

Written By MpDC on 13/10/09 | 11:41

O Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña (Palexco) acollerá este mércores unha xornada dedicada á videovixilancia no sector da seguridade privada, organizada pola Asociación de Empresas e Expertos de Seguridade de Galicia (Aesga), coa colaboración da Axencia Española de Protección de Datos e a Xefatura Superior de Policía de Galiza.

Ao respecto, o Movemento polos Dereitos Civís expresa o seu malestar por non ser convidado ás ditas xornadas. O colectivo, que desde a súa creación desenvolveu de xeito incansábel o seu traballo para evitar que se incumpra a legalidade a respecto das cámaras de vídeo vixilancia, quedou excluído das xornadas cando é unha das partes máis activas, senón a que máis, na defensa dos dereitos civís e sobre o tema que centra a actividade.

Neste sentido, o MpDC quere chamar a atención sobre o “monopolio” da vídeo vixilancia que os axentes con máis “lexitimidade” outorgada por eles mesmos crean sobre este tema cando o único que realmente traballa por que a vídeo vixilancia se aplique de xeito correcto é o Movemento. Se temos en conta quen participa, Protección de Datos, os Corpos e Forzas de Seguridade, e unha asociación que escasamente se ten proncunciado ao respecto da vídeo vixilancia como Aesga, podemos albiscar que o resultado da xornada e o obxectivo da mesma pode ser o de perpetuarse nun sistema de autocomplacencia, de “parabenización” polo traballo feito e de volver novamente as costas cara a realidade.

Empresas privadas, grandes nomes, como a Inspección da Unidade Central de Seguridade Privada da policía, despachos de avogados, representantes de empresas de vixilancia, ou a subdelegación do Goberno na Coruña son, na súa grande maioría, os “titáns” contra os que ten que loitar un colectivo sen ánimo de lucro, como é o Movemento polos Dereitos Civís, para que se cumpra a legalidade, para que se evite a violación de dereitos fundamentais, para que se respecten as persoas.

Precisamente, os e as que se reúnen para falar da vídeo vixilancia na Coruña son os que máis teñen que calar ao respecto. Son ducias e ducias os procedementos iniciados polo MpDC a respecto de cámaras ilegais en empresas, entidades bancarias, centros de ensino, vías públicas, institucións, e sobre os que Delegación do Goberno, Subdelegación, Protección de Datos ou Corpos e Forzas de Seguridade fan caso omiso ou desprestixian o labor concienzudo e en prol da cidadanía que diariamente pon en marcha o colectivo.

Polo tanto, desde o Movemento, non cabe outra resposta a esta xuntanza que o rexeitamento a un modelo de proteccionismo social que dista moito de real, que desprestixia a quen verdadeiramente traballa pola seguridade cidadá e que enarbola a bandeira da seguridade para atarcar a sociedade e aumentar beneficios a costa das persoas como fan certas empresas chamadas “de seguridade” ou centros públicos que contratan servizos descoñecendo completamente os procedementos axeitados na materia, entre outras aberracións contra a sociedade.

0 comentarios:

Publicar un comentario