O colectivo amosa a súa satisfacción pola retirada. Para o Movemento polos Dereitos Civís, ademais de estar situadas na rúa, a finalidade dos dispositivos non ía encamiñada ao control do tráfico, senón que sería meramente recadatoria, co que a súa legalidade e operatividade queda completamente en entredito.
Ademais, a asociación polos dereitos civís está convencida de que as cámaras se retiraron pola investigación posta en marcha pola Agencia Española de Protección de Datos (AEPD) logo de que o MpDC a advertise e que a explicación de que non funcionan é unha escusa para non admitir a ilegalidade.
Desde o Movemento a retirada destes sistemas de vídeo vixilancia é sempre a única solución cando non son instalados segundo a normativa que os afecta en cada caso. Ao respecto, Dereitos Civís agarda que tal acción sente un precedente tanto neste coma noutros concellos, institucións e empresas á hora de instalar estes dispositivos.
Segundo puido saber o MpDC, a empresa concesionaria do estacionamento en zona azul de Vigo retirou as cámaras de vixilancia da rúa Venezuela, logo de pasar máis de medio ano desde a súa instalación.
A colocación das cámaras de seguridade figuraba no prego de condicións do estacionamento en zona azul da cidade olívica. A súa instalación foi denunciada no seu momento polo Movemento polos Dereitos Civís, que tamén presentou sendas demandas contra as situadas no Museo de Arte Contemporánea e na Facultade de Ciencias do Campus das Lagoas da Universidade.
Entre as funcións previstas polas cámaras figuraba a de controlar o tempo de aparcadoiro dos vehículos nun mesmo espazo para evitar que permanezan máis de dúas horas, tal como está contemplado. Na actualidade son os propios traballadores os que se encargan de levar a cabo esta tarefa.
Non serven de nada
Os cinco aparellos non chegaron a cumprir a súa función. Durante o período de proba detectouse que non transmitían a información á PDA (axudante persoal dixital) dos vixiantes do estacionamento en zona azul, polo que non servían de nada. Tendo en conta o fracaso desta primeira experiencia, o Concello descarta de momento a instalación de cámaras non só en Venezuela, senón tamén noutras rúas.
Compostela
Ademais, La Voz recollía onte un resumo sobre o procedemento iniciado polo Movemento a respecto das cámaras ilegais da zona vella de Compostela. Neste senso, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia emitiu unha sentenza firme na que obrigaba ao Concello de Santiago a retirar as cámaras de vixilancia instaladas no casco antigo. A súa colocación fora denunciada xa en 2006 polo Movemento polos Dereitos Civís. O colectivo está a agardar que Bugallo faga efectiva a retirada das ditas cámaras.
Para o colectivo, é esperanzador que os medios de comunicación falen con normalidade do tema e que o fagan non só cando o MpDC emite comunicados, senón que a trascendencia dos mesmos comece a calar na sociedade e nos medios para atopar referencias a estas vulneracións dos dereitos cometidas por institucións públicas.
O MpDC celebra que Concello de Vigo retirase as cámaras da zona azul
Written By MpDC on 13/10/09 | 18:46
Etiquetas:
AGPD,
Concello de Santiago de Compostela,
Concello de Vigo,
dereitos dos traballadores,
Videovixilancia
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario