O MpDC súmase aos pedimentos da familia de Humbero Baena
Written By MpDC on 26/9/09 | 5:14
Dentro de dous días cúmprense 34 anos da execución de Xosé Humberto Baena Alonso polo réxime franquista. Flor Baena, leva catros anos escribíndolle ao presidente do goberno estatal sobre o asasinato do mozo vigués. A irmá do asasinado pide unha solución para o caso e a eliminación total da pena de morte na Constitución española, peticións ás que se suma o MpDC.
A primeira das solicitudes “refírese a unha solución política e xurídica” ao caso de Xosé Humberto, di Flor Baena, porque “esgotamos os recursos xudiciais en España e en Europa”. A Lei 52/2007, de 26 de decembro, pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas en favor de quen padeceu persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura, coñecida como Lei de “Memoria Histórica”, “deixounos na máis absoluta incerteza”, quéixase a irmá do asasinado polo franquismo. Somos un caso único entre as vítimas dos xuízos inxustos do Franquismo, que seguimos loitando para conseguir “verdade, xustiza e reparación”, di.
Neste sentido, o Movemento non pode senón adherirse á solicitude de aplicación da dita lei para que se recoñeza o dereito de familiares e vítimas directas de violacións de dereitos humanos cometidas durante a Guerra Civil e do réxime franquista, como é o caso, a saber a verdade sobre os seus seres queridos e a obter xustiza e reparación.
Segundo a Lei Orgánica do Poder Xudicial, só se pode presentar un novo recurso no Supremo se se achegan novas probas, o cal non é o caso. O único camiño é a posibilidade de recorrer ante a ONU.
Como denuncia a irmá de Humberto Baena, milleiros de familias pasaron pola Sala do Militar do Tribunal Supremo pedindo a revisión de condenas de morte ditadas en xuízos sumarísimos logo da Guerra Civil. Lamentabelmente, desde 2000, en todos eles e de xeito sistemático o Ministerio Fiscal opúxose á revisión dos mesmos.
Pola súa banda, o Movemento polos Dereitos Civís non descarta interesarse polo caso ante as institucións pertinentes. O colectivo quere expresar a súa denuncia diante dunha violación tan flagrante dos dereitos civís como é o asasinato por unha ou outra crenza, así como condena expresamente o silencio e a complicidade das institucións, que deixan caer no esquecemento as memorias de milleiros de persoas coma Xosé Humberto. Ademais, a asociación quere transmitir á familia do vigués o seu apoio.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario