Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC insta novamente os poderes públicos a adoptaren medidas efectivas para erradicar a violencia machista

Written By Virgulino on 1/9/09 | 12:45


O Movemento polos Dereitos Civís únese a todas as asociacións e colectivos que reclaman o fin da violencia machista en todas as súas formas, así como a erradicación dos prexuízos e desigualdades baseados nas diferencias de xénero que existen na sociedade. O colectivo pronúnciase ao respecto logo de coñecerse que foi o ex-compañeiro da ourensana Laura Alonso, Javier Cruz, quen acabou coa súa vida tendo a vítima denunciado previamente o seu asasino por malos tratos.

O MpDC cre que as administracións deben introducir -e aplicar- medidas efectivas que posibiliten unha maior eficacia xudicial e que garantan a protección asistencial das mulleres vítimas da violencia. No caso que nos ocupa, tendo existido unha denuncia previa contra o agresor, as tan demandadas eficacia e protección fanse máis necesarias se cabe.

Combater a violencia contra a muller significa loitar contra todas as súas expresións, dende a mutilación xenital á discriminación laboral, dende as mortes producidas no núcleo familiar ata o tratamento das mesmas nos medios de comunicación. De feito os medios seguen a ter unha importante responsabilidade na situación, incumprindo constantemente os auto-regulamentos polo que se refire ó tratamento da violencia de xénero.

A concienciación social e o traballo no eido da educación serán as claves para acadar unha erradicación real da violencia de xénero na sociedade, unha das formas de violación dos dereitos fundamentais máis entendidas e toleradas no mundo.

0 comentarios:

Publicar un comentario