A institución estatal impide o emprego dos tractores estacionados en Amio, vulnerando o dereito de libre circulación dos labregos e a volta aos seus domicilios a aqueles que así o desexan
O Movemento polos Dereitos Civís pedirá explicacións á Delegación do Goberno polos últimos feitos acaecidos en Compostela no día de hoxe. A institución estatal prohibiu a saída dos tratores de centenares de gandeiros que estaban aparcados no mercado de Amio, coutando así o dereito á libre circulación. Segundo puido coñecer o MpDC, polo menos unha decena de furgóns policiais impediron que os tractores estacionados no día de onte no recinto feiral puideran saír á rúa esta mañá. Os gandeiros, en resposta a esta vulneración dos seus dereitos, ameazaron con endurecer as protestas se non se soluciona esta situación.
Esta situación fixo que os gandeiros, ao non poder saír cos seus tractores, cortaron o tráfico na circunvalación da cidade, o que xerou grandes retencións ao seu paso polo Polígono da Costa Vella. Desta situación pode responsabilizarse á Delegación do Goberno, que coa súa limitación dos dereitos provocou unha situación de atasco total na capital de Galiza.
Fontes policiais informaron a diversos medios de comunicación que no día de hoxe os tractores non teñen permisos para saír en manifestación, o que non implica, apunta o Movemento polos Dereitos Civís, que os miles de gandeiros galegos non podan usar os seus vehículos para voltar ás súas casas ou desenvolver o seu traballo diario. Ademais, dende o Sindicato Labrego ou dende Unións Agrarias, negouse que non houbera permiso para realizar a manifestación no día de hoxe.
Dende o MpDC queremos denunciar a situación de secuestro no que se atopan os labregos galegos impedíndolles, por parte da Delegación do Goberno, o desenvolvemento natural do seu dereito de manifestación, así como a volta aos seus lugares de procedencia a aqueles que así o desexen facer. Por todos estes motivos, o Movemento polos Dereitos Civís porase nos vindeiros días en contacto coa Delegación do Goberno para solicitar unha explicación para estes feitos e si pensa cubrir os gastos de dietas e manutencións daqueles labregos que tiveron que quedarse en Compostela cando desexaban volver a casa coas súas familias.
A Delegación do Goberno "secuestra" de facto centenas de tractoristas que se manifestaban en Compostela
Written By Virgulino on 15/7/09 | 14:45
Etiquetas:
Actuacións Policiais,
Delegación do Goberno,
Dereito de libre circulación,
Dereito de reunión e manifestación
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
2 comentarios:
ameijeiras era malo como sub delegado do goberno na galiza pero o que hai agora...
Alguén virá que bó che fará
Publicar un comentario