Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC denuncia que o Concello vulnere a legalidade prexudicando o Club Piragüismo Ogrobe

Written By Virgulino on 18/6/09 | 13:32


O Movemento polos Dereitos Civís solicita ao Concello do Grobe a nulidade de pleno dereito da resolución municipal que acorda dar de baixa no REDIM o Club de Piragüismo Ogrobe por non ter presentado certa documentación esixida que non está prevista na lexislación imperante na materia. Ademais, o colectivo pide que se se estimen as alegacións interpostas polo presidente do clube de piragüismo, Filipe Besada, en representación do mesmo.

Este recurso de reposición presentado no Concello polo Movemento contra a baixa do Rexistro de Entidades de Interese Municipal (REDIM) acordada o 7 de maio polo Xunta de Goberno Local do Concello do Grove, é un paso previo a acudir a vía contencioso-administrativa segundo afirmou no seu momento o responsábel da asociación deportiva.

Os feitos remóntanse a decembro de 2008, cando a asociación Club Piragüismo Ogrobe presentou por escrito toda a documentación requerida e correspondente ao regulamento orgánico do Concello do Grobe para cumprir o trámite preciso para a renovación anual da inscrición das entidades deportivas no Rexistro de Entidades de Interese Municipal.

Ao escrito presentado polo clube responde o concello requerindo un certificado do número de socios asinado polo presidente e o secretario e unha copia compulsada da acta da última asemblea ou certificación da mesma asinada polos mesmos dous cargos. Pola súa banda, a asociación presentou o escrito de socios mais presentou alegacións no que respecta á acta por considerar non ser necesaria ao abeiro da normativa vixente imperante na materia.

Malia a ser esa documentación non aplicábel a este suposto, o Concello volveu reclamala novamente sen resolverse o recurso de reposición que se presentara contra a esixencia de pesentación da dita copia da acta. A máis ver, a administración local esixe agora ao Club Piragüismo Ogrobe presentar os estatutos e a memoria de actividades e actos realizados, así coma o número de socios e as modificacións producidas na composición da xunta desde o ano 1999.

O Movemento, ante tales feitos, non pode senón solicitar a nulidade de pleno dereito da resolución obxecto do presente recurso, pór en coñecemento público que o Concello vulnerou o principio de legalidade ao solicitar tal documentación e que violou tamén o principio de obxectividade, xa que a xeneralidade dos asuntos que conforman o ámbito de actuación das administracións públicas exclúe necesariamente calquera perspectiva parcial, tanto se provén da propia organización burocrática ou dos seus axentes.

No caso que nos ocupa, queda claro que non existe tal imparcialidade por parte do Concello do Grobe, quen en todo momento pretende expulstar do REIM o Club Piragüismo. Ademais vemos como quebra o principio de boa fe que debe marcar a actuación administrativa, xa que a esixencia de tal documentación e a traxectoria da asociación, que leva inscrita no Rexistro desde o 1997 e realizando cumpridamente os trámites cada ano sen ningún problema fan sospeitar da finalidade que pode perseguir o Concello, para que non sexa partícipe das subvencións ás que teñen dereito as entidades inscritas no mesmo.

0 comentarios:

Publicar un comentario