Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

"Hai un recorte de dereitos laborais e sociais que aspiramos a blindar no Estatuto de Nación"

Written By Virgulino on 14/2/09 | 10:58

O Movemento quixo comprobar de cara ás eleccións ó Parlamento os proxectos dos principais partidos políticos. Achegamos hoxe a entrevista íntegra con Ana Pontón, membro da executiva e candidata do BNG pola provincia de A Coruña. Mañá ofreceremos a entrevista con Nuñez Feijoó, líder do PPdeG, mentres o PSdG declinou a invitación a participar nestas conversas.

O recente informe do Comité de Dereitos Humanos da ONU, un organismo pouco sospeitoso de extremismos ou alarmismos infundados, alertaba sobre as moitas lesións que existen aínda no Estado español dos dereitos fundamentais á integridade física, á dignidade humana, á intimidade ou á igualdade perante a Xustiza. Como valoran a situación global dos dereitos e liberdades civís en Galicia? Cales son as principais propostas que incorpora o seu programa electoral nestes ámbitos?
Penso que a situación é mellorábel en moitos dos ámbitos aos que fas referencia. As propostas son variadas, aínda que en moitos casos en Galiza precisamos ter máis competencias para poder avanzar. A xustiza, o sistema penitenciario, a regulación básica dos dereitos de participación son aspectos que seguen dependendo do Estado. Mentres non sexan competencias galegas non seremos capaces de afianzar dereitos sociais e colectivos.

A pesar de non termos competencias, cómpre lembrar que o BNG, tanto no Congreso dos Deputados coma no Senado, ten presentado múltiples iniciativas tanto na defensa das liberdades en Galiza cando se producen vulneracións dos dereitos cidadáns por parte do Estado; para reclamar unha reforma en profundidade da Xustiza que resolvan as súas graves carencias, ou para modificar un sistema penitenciario que está case que exclusivamente orientado cara ao castigo e non cara a reinserción social.


Asistimos nas últimas semanas á condena de varios membros das Forzas e Corpos de Seguridade por actuacións desproporcionadas e violentas no desempeño da súas funcións. Que consideración lles merecen estas condenas?

Os responsábeis dos corpos e forzas de seguridade deberían evitar este tipo de situacións. Porque aínda que sexa importante que estes feitos non fiquen impunes, o realmente importante sería que non se deran.

Entre as queixas máis numerosas que recibe a nosa asociación atópanse aquelas que se refiren a estes comportamentos abusivos e violentos da policía. Tendo comprobado que o corporativismo e a presunción de veracidade acaban por frear as investigacións internas, o Movemento polos Dereitos Civís defende a creación creación dun organismo independente que investigue a actuación irregular dos Corpos e Forzas de Seguridade. Estaría disposto o seu partido a apoiar a proposta no Parlamento Galego?

Pode ser unha solución, sempre e cando se determine que este tipo de órganos fagan algo máis que investigar e realmente teñan capacidade para chegar ao fondo dos asuntos. Sen embargo, non convén perder de vista que as veces hai agresións (por exemplo en manifestacións) que teñen autorización dos responsábeis dos corpos e forzas de seguridade e contra isto habería tamén que actuar.


Unha enquisa difundida polo Movemento amosaba que oito de cada dez cidadáns consideran que a Xustiza resulta lenta ou moi lenta á hora de resolver os distintos casos. Cales son as medidas concretas que pode tomar o Goberno galego para axilizar o seu funcionamento?
E évidente que unha xustiza lenta non é xusta. O primeiro que precisamos é que Galiza teña competencias plenas en materia xudicial, pois sen elas pouco é o que pode facer a Xunta de Galiza. Despois é evidente que é necesario crear máis xulgados, mellorar a organización, incorporar as novas tecnoloxías e axilizar os trámites.

É especialmente grave a falla de vontade política do Goberno para crear xulgados específicos de violencia de xénero en cidades como Ourense, Lugo ou Ferrol, unha decisión que compete ao Ministerio de Xustiza. Dende ao BNG vimos denunciando esta situación de atasco xudicial tanto no Congreso como no Senado e vemos como a solución para a creación de novos xulgados ten que vir pola transferencia das competencias de Xustiza á Xunta de Galiza.

A cidadanía percibe tamén que a Xustiza non trata por igual a un cidadán e a un policía, a un veciño e á Administración. En particular, a nosa asociación ten que destinar unha parte importante dos seus recursos a conseguir que as administracións respecten a Lei en materias como a vídeo-vixilancia. Non debería ser o comportamento das administracións exemplar no respecto das leis e na tutela dos dereitos dos cidadáns?
Estou totalmente de acordo, e no BNG practicámolo.

Na mesma enquisa, os galegos sinalaban que acceder á información das Administracións Públicas é unha tarefa dificultosa, e o oitenta por cento dos enquisados cre necesaria unha nova normativa para facilitar o exercicio do dereito de acceso. Comprometeríase a desenrolar un proxecto lexislativo que responda a esta necesidade dos cidadáns?

Cremos que un dos aspectos necesarios a mellorar no funcionamento da administración é no da transparencia. Avanzouse nesta lexislatura, con medidas como a de crear un rexistro público de convenios. Mais aínda se pode facer máis. En todo caso non só hai que avanzar no dereito á información senón na participación nos asuntos públicos pois iso si garante unha administración cun funcionamento máis democrático e unha cidadanía mais conscientes e informada.

Neste mesmo sentido, os alcaldes dalgunhas das máis importantes vilas galegas prohibiron o acceso aos plenos municipais a algúns dos seus veciños. Como valora esta limitación do dereito de acceso? De que modo se pode acadar unha participación mais fluída dos cidadáns na vida pública?

Non se poden facer valoracións tan globais,hai que ver cada caso. É dicir, non se pode impedir o acceso ao pleno con carácter xeral, mais tamén é preciso que exista un respeito polas persoas que representan aos veciños e veciñas dun concello. Sobre o outro asunto, un dos aspectos máis importantes e fortalecer o tecido asociativo e potenciar os organismos consultivos das diferentes administracións.

Un dos encargados de facilitar estas relacións entre os cidadáns e a Administración debería ser o Valedor do Pobo. Que valoración ten da súa actuación o seu grupo político? Que sería necesario cambiar para dotar de maior efectividade a esta institución?
O actual Valedor ten demostrado unha actitude que no BNG nos preocupa moito. Tanto porque ten tendencia a dar opinións políticas que non son propias desta institución, como pola actitude contraria á lingua galega que parece incompatíbel co desenvolvemento dun cargo que en teoría está para defender dereitos, incluídos os dereitos da lingua galega.

Un ano e medio despois do decreto 124/2007, como valora na actualidade a situacións dos dereitos lingüísticos en Galicia? Cales serán as iniciativas do seu partido neste eixo?
Non se ten avanzado o suficiente, o galego está aínda nunha posición de maior vulnerabilidade, tanto a nivel de estatus xurídico, como a nivel de exercicio do dereito a poder vivir en galego. Pensamos que hai que cumprir a lexislación e efectivizar as medidas que están contempladas no Plan Xeral de Normalización Lingüística e conseguir que no próximo estatuto o galego se equipare en dereitos e deberes co castelán. Se non hai igualdade xurídica entre galego e castelán dificilmente se poderán garantir os dereitos lingüísticos dos e das galegofalantes.

Por último, preguntámonos que repercusión podería ter a aprobación dun novo estatuto na próxima lexislatura na mellora da situación dos dereitos civís en Galicia.
Sería moi importante, porque un dos aspectos que defendemos no BNG é que o estatuto teña unha carta de dereitos e deberes. Observamos como a nivel europeo e español hai un recorte constante de dereitos laborais, sociais, das persoas inmigrantes e aspiramos a blindar os dereitos no Estatuto de Nación.

A inexistencia dunha carta de dereitos e deberes definidora do estatus político e xurídico dos cidadáns e cidadás de Galiza é unha das máis evidentes carencias do actual Estatuto. Resulta pois inescusábel incluír no Novo Estatuto un completo catálogo de dereitos e deberes que veña a corrixir as insuficiencias da Constitución no que atinxe, principalmente, á eficacia dos dereitos sociais e ao recoñecemento de dereitos políticos imprescindíbeis construír unha democracia de calidade como, por exemplo, o dereito a recibir pensións dignas, o dereito á conciliación da vida laboral e familiar coa obriga conseguinte dos poderes públicos proporcionaren escolas infantís adaptadas ao horario laboral, o dereito a ter uns ingresos mínimos garantidos en caso de desemprego ou enfermidade camiño da implantación dun rendemento social básico, o dereito dos cidadáns e cidadás con algunha minusvalía a que os poderes públicos promovan activamente a súa integración educativa, laboral e social ou, en fin, o dereito a uns servizos públicos universais, gratuítos e de calidade. E tamén, cando asistimos a unha regresión democrática en todo o mundo, a elaboración dun novo Estatuto debe servir para pór valados que nos protexan do autoritarismo e camiñar cara unha democracia participativa. A través, por exemplo, do estabelecemento de consultas populares vinculantes e da garantía do dereito dos cidadáns e cidadás a seren informados verazmente.

0 comentarios:

Publicar un comentario