Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Un ano e medio despois segue sen esclarecerse a legalidade das cámaras da ORA no Concello de Vigo

Written By Virgulino on 11/2/09 | 10:14

O Movemento polos Dereitos Civís ven de reiterar perante as administracións e institucións pertinentes a necesidade de aclarar a legalidade do procedemento de instalación das cámaras da ORA no Concello de Vigo. Un ano e medio despois da súa primeira intervención no caso, a asociación veuse na obriga de presentar novos escritos perante a Axencia Española de Protección de Datos, o Valedor do Pobo e o propio Concello de Vigo, a fin de asegurarse da adecuación á legalidade dos dispositivos. O Movemento síntese profundamente decepcionado polo desinterese amosado por estas institucións, que durante todo este tempo rexeitaron responder ós requerimentos da asociación, a pesar da importancia dos dereitos fundamentais en xogo neste caso.

A Lei Orgánica de Protección de Datos ten previstas de feito unha serie de garantías e límites para o emprego da vídeo-vixilancia en espazos públicos. Dado que as cámaras se atopan na vía pública, teñen que cumprir con todos os requisitos esixidos polas normas, é dicir, respecto do principio de proporcionalidade, autorización da Delegación do Goberno e informe favorable da Comisión de Garantías.

O MpC manifestou dende o primeiro a súa oposición a instalación das cámaras de tráfico da ORA de Vigo por considerala unha medida innecesaria e errónea. No escrito enviado ó Concello de Vigo, o Movemento solicita que se remitan os informes nos que se baseou o Concello para proceder á instalación das cámaras, e que informe por tanto de como se xustificou o principio de proporcionalidade. Ademais, pediu ó Goberno municipal información sobre a custodia das imaxes, así como que mecanismos de control se prevén para garantir os Dereitos dos cidadáns. Os ficheiros con datos de carácter persoal deben ser inscritos no Rexistro Xeral de Protección de Datos, e a intención do MpDC é comprobar se esta inscrición se levou a cabo.

No caso de que se confirmen algunhas das supostas irregularidades ou se demostre que non se cumpriron todas as garantías previstas pola Lei, a asociación esixirá a inmediata retirada das cámaras. O Movemento espera tamén que o Concello reflexione sobre o uso destes dispositivos e o dano que poden conlevar para a privacidade e intimidade dos seus veciños. Así mesmo, sería desexable que nesta ocasión as institucións se tomen polo menos a molestia de responder ás solicitudes da asociación.

0 comentarios:

Publicar un comentario