Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Movemento denuncia perante Protección de Datos ó tanatorio vigués que instalou cámaras ocultas nas súas salas

Written By Virgulino on 12/2/09 | 11:03

O Movemento polos Civís dirixiu un escrito á Axencia Española de Protección de Datos para denunciar o escandaloso caso dun tanatorio vigués no que se instalou un dispositivo oculto de vídeo-vixilancia. Os responsables da empresa funeraria Vigo Memorial colocaron cámaras nas súas salas para xustificar o despido de dúas empregadas, acusadas de roubar unhas magdalenas.

As cámaras incumprían coa normativa en materia laboral e de protección de datos, pois nin os empregados da empresa nin os clientes da mesma foron informados da presenza das cámaras, tal e como indica a Lei. Ademais de supor unha infracción da lexislación vixente e unha agresión o dereito de intimidade, este caso manifesta unha particular falta de sensibilidade, dada a natureza particular do lugar e as circunstancias de dolor e loito nas que se atopan as persoas que o visitan.

O Movemento solicitou á AEPD que confirme existe constancia de que Vigo Memorial contratase a algunha empresa autorizada para instalar as cámaras. A asociación quere comprobar se dita empresa procedeu a inscribir o ficheiro coas imaxes no Rexistro Xeral de Protección de Datos e se indicou ó responsable da custodia das imaxes, segundo esixe a lexislación.

Cámaras para evitar o roubo dunha magdalena

Os feitos do caso foron dados a coñecer por A Nosa Terra nos últimos días. A presenza das cámaras fíxose pública ó tratar de presentar a empresa as imaxes gravadas por estas como proba videográfica nun xuízo por despido. De feito, o Xulgado do Social nº 5 de Vigo acabou por declarar improcedente este despido de dúas traballadoras da limpeza, acusadas pola empresa de quedarse cunhas magdalenas.

Particularmente grave se considera dende o Movemento polos Dereitos Civís que unha empresa considerase idóneo e proporcionado o emprego dun medio tan invasivo como as cámaras de vixilancia, co único propósito de evitar o presunto roubo duns doces. Isto sen mencionar, por suposto, a irregularidade na instalación e sinalización das cámaras. É máis que comprensible a indignación das familias que tiveron que velar a un ser querido nas salas dese tanatorio, sen saber que nese difícil momento estaban sendo gravados de forma ilegal pola empresa.


0 comentarios:

Publicar un comentario