Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC condena as agresións israelís e invita ós cidadáns a participar nos actos de protesta

Written By Virgulino on 2/1/09 | 13:18

O Movemento polos Dereitos Civís invita a todos os cidadáns a participar nos actos de solidariedade e denuncia contra a ofensiva militar israelí na Franxa de Gaza que se celebrarán en Vigo e Lugo entre hoxe e mañá. O MpDC e outros colectivos e forzas sociais e políticas convocaron unha concentración fronte ao MARCO, esta mesma tarde a partires das 20:00. Diversas asociacións e colectivos que forman parte do tecido social da capital lucense convocaron por outra banda unha manifestación, que terá lugar ás 18:00 de mañá, sábado día 3, diante do Concello. O MpDC comparte e apoia o obxectivo de entrambas as convocatorias: denunciar as agresións indiscriminadas, a matanza de civís e a violación de dereitos fundamentais e da legalidade internacional que está a acometer o Estado de Israel en Palestina.

Nos dous actos reclamaranse medidas reais e efectivas por parte da comunidade internacional, nomeadamente por parte da Unión Europea. Resulta indignante a pasividade e tolerancia das diversas institucións, organismos e potencias internacionais - tan dispostas a intervir noutros casos- perante as escandalosas violacións da legalidade internacional, das disposicións da ONU e da Convención de Xenebra que está a levar a cabo Israel.

Cómpre engadir que non se trata, ademais, dunha situación puntual: o Estado israelí ignora sistematicamente dende fai anos as diversas resolucións da ONU, impide a chegada á Franxa de Gaza de cargamentos humanitarios, bloquea por decisión unilateral as axudas económicas necesarias para a mera supervivencia dos homes e mulleres que habitan unha das zonas máis densamente poboadas e máis pobres do planeta. As autodenominadas accións militares selectivas dos últimos días, que están a producir sen embargo numerosas vítimas civís, non son máis que unha ulterior escalada nun proceso de agresión constante e tolerada do pobo palestino.

O Movemento polos Dereitos Civís considera fundamental o fomento da participación da cidadanía nos actos de protesta contra esta situación aberrante. A asociación cre que é imprescindible xerar un movemento social crítico na sociedade que obrigue ós gobernos e institucións supranacionais a intervir decididamente. Ó mesmo tempo, é deber dos medios de comunicación informar con veracidade e profundidade dos eventos que se están a producir en Gaza, fuxindo dos eufemismos e dunha suposta neutralidade e obxectividade. O Movemento seguirá a apoiar as concentracións que se convoquen nas diversas vilas galegas para denunciar a situación.

0 comentarios:

Publicar un comentario