Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Os usuarios das bicicletas públicas en Compostela poderían estar sendo gravados de xeito ilegal

Written By Virgulino on 8/12/08 | 14:17

O Movemento polos Dereitos Civís constatou nos últimos días, a raíz de varias queixas remitidas á asociación, a presencia de videocámaras instaladas nos distintos puntos de préstamos de bicicletas do concello de Santiago. Dado que as cámaras están a gravar espazos públicos, requiren dunha autorización para a súa posta en funcionamento, precedida dun informe favorable da Comisión de Garantías. O Movemento vai presentar dous escritos perante o Concello e a Delegación, coa intención de asegurarse de que existe unha autorización para o uso da vídeo-vixilancia e de que non se están a lesionar os dereitos á intimidade e á propia imaxe dos cidadáns.

O Concello inaugurou no pasado mes de xullo un servizo público de bicicletas. Para desenvolvelo instalaron en diversos lugares da cidade puntos de préstamo onde se poden coller e devolver as bicicletas. O MpDC ven de comprobar que nestes puntos de recollida existen dispositivos de vídeo-vixilancia, que gravan loxicamente o que sucede na vía pública, sen que sexa posible discernir se a instalación dos mesmos responde a unha iniciativa da Concellería de Transporte de Santiago, da empresa municipal de transporte Túsaa, ou de Tuimil, a empresa privada que xestiona o sistema de aparcabicis.

En calquera caso, é dado que as cámaras están instaladas en espazos públicos, a súa instalación ten que realizarse necesariamente cumprindo cunhas garantías recollidas pola lei. O Movemento polos Dereitos Civís solicitará ó Concello de Santiago que aclare a responsabilidade da instalación das cámaras, e que confirme se está se realizou conforme ó establecido na lei. Ó mesmo tempo, a asociación dirixirase á Delegación do Goberno para saber se concedeu a autorización pertinente, e se o fixo contando co informe da Comisión de Garantías de Vídeo-vixilancia en Galicia.

Resulta cando menos curioso que o Concello precise dotarse dun medio especialmente lesivo cos dereitos dos cidadáns, cando recentemente resaltou a boa acollida da proposta e o excelente comportamento dos usuarios. Cómpre recordar que a instalación de cámaras de vídeo-vixilancia en espazos públicos está reservada ás Forzas de Seguridade, e restrinxida ós casos nos que existan evidentes indicios de perigo. Cos escritos que presentará ó Concello e á Delegación o Movemento quere asegurarse de que todas estas garantías se están a respectar neste caso.

0 comentarios:

Publicar un comentario