Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC amosa a súa preocupación ante o enésimo caso de incidentes entre Policía e manifestantes

Written By Virgulino on 10/12/08 | 11:18

O Movemento polos Dereitos Civís expresa a súa preocupación perante os feitos acontecidos nunha manifestación pacífica no cuartel da Brilat de Figueirido, que se saldaron con dúas persoas feridas e catro manifestantes identificados e denunciados. Trátase do enésimo caso no que os manifestantes, neste caso por medio do seu voceiro Fernando Pintos, denuncian provocacións e actuacións das Forzas e Corpos de Seguridade que rematan por provocar incidentes. A concentración, oportunamente convocada e notificada, protestaba contra o proxecto do Ministerio de Defensa de ampliar en 300 metros a área de seguridade que rodea as instalacións da Brilat.

Unha muller tivo que ser trasladada ó hospital en ambulancia, a consecuencia dun desmaio provocado pola tensión. A muller fora agredida segundo as testemuñas por un membro da Policía Militar, que lle provocou unha ferida sangrante nun beizo, o que desencadeou o posterior episodio de ansiedade. Unha vez recuperada, a muller presentou a correspondente denuncia contra o seu agresor. Outras fontes falan dunha segunda persoa ferida, que non precisou atención médica.

En calquera caso, e segundo denunciou Fernando Pintos, voceiro dos colectivos que se opoñen ó proxecto de Defensa, os incidentes debéronse a actuación desproporcionada das Forzas de Seguridade: Policía Militar, Garda Civil e Policía Nacional. Ó parecer, os axentes empregáronse con dureza no momento en que dous grupos de manifestantes trataron de aproximar conxuntamente cara as portas da base. A policía identificou así mesmo a catro manifestantes, para os que será proposta unha sanción por insultos por vía administrativa.

Diversas “fontes policiais” tardaron ben pouco en acudir ós medios para anunciar que as persoas identificadas e propostas para sanción forman parte de supostos grupos independentistas e que buscaban “solo o lío”. As mesmas fontes indican que os denunciados eran “ben coñecidos” pola Policía de incidentes anteriores. A predisposición que se desprende destas verbas non deixa de resultar inquietante.

O Movemento polos Dereitos Civís amosa a súa preocupación, perante os reiterados incidentes que se están a producir nos últimos tempos entre manifestantes e forzas de seguridade. Hai poucas semanas dúas traballadoras en folga resultaron feridas nunha manifestación en Vigo, e varios seareiros do Compostela denunciaron as actuacións desproporcionadas da policía durante un partido. A asociación denunciará todas as iniciativas policiais que tenten coartar o lexítimo dereito de manifestación, e invita as Forzas de Seguridade a actuar con maior cautela e a respectar en todo o momento os dereitos fundamentais dos cidadáns, que elas en particular están chamados a defender.

0 comentarios:

Publicar un comentario