Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A Delegación do Goberno trata de silenciar con multas desproporcionadas as voces críticas coa política medioambiental do Goberno

Written By Virgulino on 15/12/08 | 12:11

O colectivo social “A Ría non se vende” fixo pública nestes días a existencia de diversas multas impostas pola Delegación do Goberno como sanción pola organización de distintos actos reivindicativos en defensa do patrimonio natural. O Movemento polos Dereitos Civís solidarízase coa rede social, e considera desproporcionadas as sancións dado o carácter pacífico das protestas. As multas encádranse dentro dunha política xeneralizada de ton restritivo levada a cabo pola Delegación do Goberno, coa intención de controlar e amedrentar as expresións de malestar social.
Segundo comunicou a plataforma “A Ría non se vende”, as multas por accións reivindicativas desenvolvidas nos últimos meses ascenden a un valor total de máis de 8.000 euros. A Subdelegación do Goberno en Pontevedra, cuxo responsable Delfin Fernandez Alvarez asina as sancións, decidiu sancionar accións totalmente pacíficas adicadas a defender o medio natural. Para iso válese de acusacións que os responsable da rede social consideran totalmente falsas, como alterar a seguridade da cidadanía ou insultar e amedrentar a axentes das Forzas e Corpos de Seguridade.

As últimas multas recibidas correspóndense cun acto simbólico celebrado nas dependencias da Xunta en Vigo para conmemorar o aniversario da catástrofe do Prestige. Por amosar unha pancarta, acto que se levou a cabo sen problemas noutras cidades, a plataforma social foi sancionada con máis de 4.000 euros. Anteriormente, “A Ría non se vende” fora multada por actos simbólicos e pacíficos que protestaban contra competicións deportivas nocivas para a ría, privatización de espazos naturais ou a especulación urbanística. O Movemento polos Dereitos Civís denuncia a vontade de coartar con estas sancións a liberdade de expresión e de manifestacións, e o intento de silenciar as voces críticas coa política medio ambiental do Goberno Central.

0 comentarios:

Publicar un comentario