Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

A morte de Álvaro Ussía nunha discoteca madrileña desvela neglixencias administrativas e desata un esperpéntico circo mediático e político

Written By Virgulino on 19/11/08 | 13:56

Nestes días asistimos á enésima ocasión na que un feito desgraciado, neste caso a morte dun rapaz nunha discoteca madrileña, serve para desatar todo un circo mediático no que os responsables políticos e as administracións tentan fuxir das súas responsabilidades cunha mistura de promesas, actos de contrición e sentimentalismo barato. Tampouco os propios medios son alleos á polémica, co seu interese repentino pola morte de Álvaro Ussía Caballero e polas circunstancias que regulan as actuacións dos porteiros nas discotecas e pubs do estado, cando por desgraza incidentes deste tipo prodúcense con certa frecuencia.

Álvaro Ussía Caballero morreu na madrugada do sábado por unha parada cardiorrespiratoria, provocada supostamente a raíz da agresión recibida a mans dos porteiros da discoteca El Balcón de Rosales, en Madrid. Nos días seguintes sóubose que existían 47 denuncias presentadas nos últimos tres anos contra o local a raíz de inspeccións da Policía Municipal. De feito, a Policía realizou a última inspección o pasado 12 de outubro, solicitando á Xunta de Distrito de Moncloa o peche inmediato da mesma, aínda que dende este organismo negan ter recibido comunicación algunha.

A resposta do Concello de Madrid foi dobre, e dobremente hipócrita. O vicealcalde de Madrid, Manuel Cobo, intentou desviar ás responsabilidades cara a Policía Local, e anunciou oportunamente a inmediata rescisión do contrato coa empresa administradora do local, “polas deficiencias e abusos comprobados”.

Pola súa banda, a Comunidade de Madrid acelerou de forma sorprendente nestes días a tramitación dun regulamento sobre os requisitos necesarios para exercer como vixilante en discotecas ou pubs. Actualmente, Cataluña é a única comunidade que regula dalgunha forma esta profesión. O regulamento madrileño levaba tramitándose seis anos, pero a presidenta da Comunidade, Esperanza Aguirre espera agora aprobalo esta mesma semana. Nestes días soubemos tamén que os porteiros presuntamente implicados na morte do rapaz acumulaban ata doce denuncias por agresións.

Mentres o Defensor del Pueblo iniciaba unha investigación de oficio para esclarecer as circunstancias do caso e depurar posibles responsabilidades, sexa o Concello de Madrid que a Comunidade descartaba que as irregularidades administrativas cometidas polas institucións puidesen significar en modo algún unha responsabilidade nos feitos. O Movemento polos Dereitos Civís observa con estupefacción esta nova mostra de hipocrisía e incapacidade administrativa, e espera que as investigacións xudiciais e do propio Defensor determinen non só a autoría material do crime senón que aclaren tamén a responsabilidade do Concello e a Comunidade de Madrid na serie de neglixencias que conduciron ó mesmo. Sobre o vergonzoso espectáculo político e mediático terá que manifestarse, polas canles apropiadas, a propia cidadanía.

0 comentarios:

Publicar un comentario