Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Francia e Italia coartan a liberdade de expresión censurando distintas manifestacións artísticas

Written By Virgulino on 1/11/08 | 18:32

Nestes últimos días véñense de producir uns feitos aparentemente banais en dúas das moi avanzadas e democráticas sociedades europeas occidentais, feitos que supoñen non obstante un grave atentado contra o dereito á liberdade de expresión. Nun momento histórico no que, escoitamos a miúdo, todo lle está permitido á arte contemporánea, as institucións públicas francesas e italianas decidiron impoñer uns non ben definidos criterios morais para censurar a exhibición de dúas manifestacións artísticas. Deste xeito, coartaron non só a liberdade de expresión dos artistas e programadores, senón tamén e sobre todo a liberdade de fruición e información do cidadán, o seu dereito a xulgar por se mesmo sen o filtro censor do Estado.

Corinne Diserens, a directora do museo de arte contemporánea da localidade de Bolzano, no norte de Italia, foi despedida esta semana. Os responsables da súa destitución aduciron as fortes perdas económicas da institución, situación polo demáis recorrente nos museos de arte contemporánea transalpinos, mais sobre o despedido penduran as polémicas coa igrexa católica pola exhibición dunha escultura do artista alemán Martin Kippenberger. O bispo da veciña Bressanone aproveitou fai uns meses a visita do Papa para denunciar que a obra, unha ra crucificada que fora exposta en numerosas ocasións na última década, ofendía os sentimentos relixiosos dos católicos. A dirección do museo negouse a retirar a obra a pesar das presións das institucións locais e rexionais, maioritariamente conservadoras, e do mesmo Benedetto XVI. Agora, seis meses despois da polémica e unha semana máis tarde de que as eleccións provinciais certificasen o ascenso da estrema dereita, Corinne Diserens foi despedida pola Fundación que xestiona o Museo, de participación pública.


Pola súa banda, esta semana soubemos tamén da intervención policial nunha das galerías participantes na Feira Internacional de Arte Contemporánea de París. Os axentes arrestaron a dous galeristas, que foron interrogados en comisaría durante dúas horas, e secuestraron as fotografías do artista ruso Oleg Kulik. Nestas o artista aparecía espido e en posicións que segundo a Fiscalía podían ser interpretadas como zoofílicas e que “desprezaban a condición humana”. O Observatorio da Liberdade da Creación francés denunciou ós feitos, e fronte ó argumento de que as obras podían ser vistas por menores invitou ás autoridades a intervir prontamente no Louvre, onde “vense sexos á altura dos menores e mozos espidos xogan con tartarugas”. O mesmo estado francés que aplicou a censura sobre estas fotografías de Oleg Kulik é paradoxalmente propietario de varias obras do mesmo artista.

0 comentarios:

Publicar un comentario