Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Xuízo sen culpables por un asasinato

Written By Virgulino on 25/10/08 | 9:00

Estes días volve estar de actualidade na prensa o caso "De Menezes" por mor da investigación que se está a levar a cabo en Londres contra os policías que asasinaron en 2005 a un home inocente. A cuestión de Jean Charles de Menezes, o mozo brasileiro que fora tiroteado polos axentes ao ser confundido cun terrorista, resultaría unha boa balanza para medir ata onde é capaz de chegar a xustiza cando se trata de xulgar aos membros dos corpos de seguranza.

Segundo recolle a prensa, un dos policías implicados no tiroteo asegurou que na súa vida disparara unha arma, mala sorte logo para Menezes saír á rúa o día que este home decide iniciarse no mundo do tiro. Outro dos seus compañeiros recoñeceu que se cometeron "fallos" (cun resultado gravísimo) e que se podía ter procedido a detención do mozo, antes de decidir meterlle sete disparos na cabeza. Pola súa banda, a responsable de supervisar a operación a través dos circuítos pechados de televisión (cámaras de vídeovixilancia) asegurou que os dous axentes que perpetraron os disparos non estaban seguros de seguir a un sospeitoso, aínda que ela non tiña "ningunha dúbida" sobre este punto. En definitiva, téntase reducir a morte violenta dunha persoa a unha acumulación de circunstancias adversas e fallos de comunicación enmarcadas "nunha situación de crise e alarma". Este argumento, pos si só, podería ser empregado en miles de circunstancias en todo o mundo, e aínda así, non xustificaría o asesinato de ninguén.
A casualidade quixo que Jean Charles residise no mesmo edificio que o suposto terrorista suicida ao que a policía tiña que vixiar, e a mala práctica quixo que os axentes optaran pola vía da suposición e o ataque preventivo antes de asegurar contra quen estaban apuntando ou mesmo empregar outro tipo de medidas "paralizadoras" menos letais que as balas.
A xustiza británica xa condenou o ano pasado á Policía Metropolitana por este caso, ao considera que puxo en perigo a seguridade dos cidadáns e dos propios axentes, máis isto non supuxo na práctica ningún cambio sustancial nos modos de operar da policía.
A investigación pública que se está a levar a cabo, e na que non existen procesados, deberá aclarar que pasou realmente aquel día de xullo de 2005 para que un inocente falecese asasinado polos disparos de quen se supuña estaba realizando unha operación para garantizar a seguridade cidadá. E deberá tamén ser o suficientemente clara e concluínte para devolver á familia de Menezes, cando menos, a impresión de que a morte do mozo (hai xa tres anos) non se converterá nunha estatística máis e os culpábeis non terán a oportunidade de repetir a súa miserenta fazaña.

0 comentarios:

Publicar un comentario