Un 77,3% dos
galegos e das galegas rexeita a Directiva de Tempo de Traballo aprobada polo Consello de Emprego da UE que permitirá incrementar ata un máximo de 65 horas a xornada laboral semanal, segundo os datos obtidos na enquisa elaborada polo Movemento polos Dereitos Civís sobre “A situación dos Dereitos Civís na Galiza”. Os resultados, tirados do segundo bloque temático do estudo, demostran o desacordo que provoca a medida entre a sociedade galega, xa que, suporá un retroceso cualitativo nos dereitos dos traballadores e polo tanto, na calidade de vida.
Os enquisados foron consultados sobre a súa valoración da nova normativa europea que permite ampliar a xornada laboral ata as 65 horas semanais, e a resposta foi clara: o 77,3% dos enquisados ten unha opinión negativa da mesma. Deles, un 30,2% valórana “negativamente” e un 47,1% considérana “moi negativa”. Das mil persoas entrevistadas o pasado mes de setembro, tan só o 13,9% considera que a medida dun xeito positivo.
No que respecta á distribución das respostas por provincias, o rexeitamento cara esta normativa é xeneralizado nas catro provincias, destacando especialmente en Pontevedra, onde a porcentaxe de persoas que valoran positivamente a directiva se reduce ao 7,6%, mentres que o 82,8% considera que é negativa. A enquisa realizouse a 1.000 galegos maiores de18 anos por teléfono de forma aleatoria e conta cun porcentax de error do 3,16%.
A medida, que está a ser debatida polo Parlamento Europeo para a súa aprobación definitiva, dificultaría precisamente unha das loitas da clase traballadora dos últimos tempos e da que gostan facer gala os autoproclamados gobernos progresistas: a conciliación da vida laboral e familiar. Así mesmo, como denuncia a Confederación Intersindical Galega, preténdese que non se conte como tempo de traballo aquel período inactivo de traballo no que non se preste unha atención continuada, o que suporía que ao final os empregados de determinados sectores como a sanidade ou os condutores pasarían as súas horas libres nos tempos mortos das urxencias ou nas esperas entre viaxe e viaxe.
Por estes motivos e para evitar que se continúe avanzando na recesión dos dereitos dos traballadores e das traballadoras, dende o MpDC animamos a toda a cidadanía galega a participar nas mobilización convocadas durante a xornada de hoxe en contra da Directiva do Tempo de Traballo.
Un 77,3%% dos galegos e das galegas rexeita a ampliación da xornada laboral ata as 65 horas semanais
Written By Virgulino on 7/10/08 | 11:45
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario