Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Seis de cada dez galegos considera que as cargas policiais son desproporcionadas ou inxustas

Written By Virgulino on 3/10/08 | 11:33

Unha enquisa encargada polo Movemento polos Dereitos Civís revela que máis da metade da poboación cre que os xuíces tenden a favorecer as Forzas de Seguridade fronte aos cidadán.

Nove de cada dez enquisados opina que se deberían instalar cámaras nas dependencias policiais .

A creación dunha axencia independente para vixiar os Corpos de Seguridade é apoiada por 2 de cada 3 galegos.

O 56,9% dos entrevistados considera que os axentes manipulan os seus informes


Seis de cada dez galegos considera que as actuacións policiais nos actos de protesta social acostuman a ser inxustificadas e desproporcionadas. Así se desprende do estudo "Relación entre a cidadanía e Forzas de Seguridade", encargado polo Movemento polos Dereitos Civís a unha consultora independente, e que configura o primeiro bloque de datos da enquisa "A situación dos Dereitos Civís na Galiza". Os datos do informe revelan que o 37,2% das persoas consultadas cre que en ocasións os axentes "se poñen nerviosos e se lles vai a man", mentres que o 21,9% opinou que a policía acostuma a "abusar da forza nas cargas policiais". É dicir, o 59,2% dos enquisados considera que as cargas policiais empregadas para disolver actos como manifestacións ou concentracións non acostuman a ser xustificadas e proporcionadas. Pola contra, só o 32,4% dos entrevistados opina que practicamente "sempre" estas cargas son xustificadas e adecuadas.

Do estudo tamén se desprende que o 53,8% dos galegos considera que cando os cidadáns denuncian ás Forzas de Seguridade do Estado os xuíces que se fan cargo dos litixios non tratan do mesmo xeito a ambas partes, senón que, pola contra, tenden a favorecer aos axentes. Fronte a este dato, o 30,3% dos enquisados respondeu que a xustiza outorga o mesmo trato aos cidadáns que aos Corpos de Seguridade, mentres que tan só o 1,5% dos consultados considera que os maxistrados favorecen aos cidadáns en prexuízo dos axentes. Como dato curioso, a opinión sobre a parcialidade da Xustiza de cara ás forzas de seguridade medra entre a poboación de ámbito rural, chegando a acadar un 60%.

Abuso de autoridade


Outra das cuestións que cabería destacar refírese ao abuso de autoridade por parte das Forzas e Corpos de Seguridade. De todas as persoas entrevistas, dous de cada dez aseguraron ser vítimas ou coñecer a alguén que sufriu trato descortés ou abuso de autoridade, acadando o 18,5% do total de enquisados. E deste 18,5% unha porcentaxe significativa (o 5,1%) afirmou que sufrira trato inapropiado en varias ocasións. Para o voceiro do MpDC, Renato Núñez, resulta preocupante que un Estado de Dereito poida considerar aceptable “o feito de que 1 de cada 5 cidadáns sexa vítima dunha actuación inapropiada por parte dos funcionarios que deben velar polos seus dereitos”.


Noutra das cuestións prospostas á cidadanía, comprobouse que o 56,9% dos entrevistados consideran que os axentes manipulan os seus informes e os axustan aos seus intereses coa finalidade de ocultar aquelas actuacións incorrectas, mentres que só o 30,6% cre que as Forzas de Seguridade sempre actúan de xeito correcto e os informes que elaboran son imparciais.

Renato Núñez afirmou que os resultados obtidos tras o análise do estudo demostran “a necesidade de crear unha axencia independente capaz de controlar as actuacións desproporcionadas dos axentes”, un organismo que o MpDC vén reclamando dende o seu nacemento e que contaría co apoio de dous de cada tres galegos, segundo os resultados da enquisa.

Por último, tan só o 14,3% do total dos entrevistados opina que o actual Consello Autonómico de Seguridade Cidadá resulta útil, mentres que o 65,8% cre que se trata dunha institución pouco ou nada válida. Hai que lembrar, que o Consello foi constituído o pasado ano, e que, dende entón, non se volveu reunir.

Cámaras nas comisarías


No que respecta á seguridade dentro das comisarías, nove de cada dez enquisados opina que se deberían instalar cámaras nas dependencias policiais para garantir o respecto dos dereitos dos cidadáns e evitar que se leven a cabo prácticas irregulares. Neste sentido o voceiro do MpDC preguntouse “por que habendo un apoio tan grande para que se instalen eses dispositivos nas comisarías, a Delegación do Goberno se nega. Acaso terán algo que ocultar?”.

0 comentarios:

Publicar un comentario