Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

"A Xustiza melloraría se os encargados de administrar a lei desterrasen vellos prexuízos e valores"

Written By Virgulino on 14/9/08 | 9:00

Entrevista a Begoña Ares

Avogada e colaboradora do MpDC, Begoña Ares elabora para o Informe 2007 unha radiografía do
cumprimento do mandato constitucional que establece a igualdade ante a lei de todos os cidadáns.
MpDC: No seu artigo fala do principio que establece que todos os cidadáns son iguais ante a lei e pregúntase se é unha igualdade real ou formal, cre que este artigo da CE se vulnera con demasiada frecuencia?
Begoña Ares: Todos os días cando conectamos a televisión e vemos un telexornal, atopamos casos de graves inxustizas, e considero que moitos deses agravios son resultado dunha posición de indefensión do cidadán contra a todopoderosa administración que actúa sempre con prerrogativas en todos os ámbitos. Entendo que conseguir unha sociedade sen desigualdades, pode soar utópico, se embargo creo que ese debe ser o obxectivo, non resignarnos ante os abusos que os e as cidadás sofren a diario.
MpDC: Tamén se refire a unha primeira creba deste mandato ao concedérselles á palabra dos policías unha credibilidade da que non gozan os demais cidadáns, que valor ten este principio nun estado de dereito?
B.A.:
A lexislación vixente actualmente concede presunción de veracidade ás declaracións feitas por un axente da policía ou un funcionario cando declara sobre circunstancias ou feitos coñecidos no exercicio do seu cargo. É aquí a lei, e non nós, a que actúa utopicamente ao pensar que un policía sempre vai testemuñar a verdade, que dentro da súa natureza está a de velar por que prevaleza a xustiza, sen pensar que moitas veces das súas declaracións ante un abuso depende que se lle impoña ou non unha sanción ou unha inhabilitación a el/ela ou a un compañeiro/a, acaso isto non serve como incentivo poderoso para falsear os feitos e tentar que a situación se resolva ao seu favor? Non parece xusto que ante unha agresión ou abuso policial, cando o agredido denuncia o sucedido se atope con que a palabra dada ante o xuíz polo policía agresor mentindo vale máis que a súa propia. A presunción pode ser eliminada, pero a carga da proba sempre está, nestes casos, en mans da parte máis débil.

MpDC: Que mecanismos de control se deberían pór en funcionamento para garantir un trato igualitario ante a xustiza?
B.A.: Agora mesmo xa existen mecanismos pero non son utilizados, existiría un grande salto cualitativo se as denuncias dos cidadáns foran investigadas con interese por parte do órgano competente, en lugar de facer un traballo para tentar arquivar o maior número delas, e que se escoiten o menos posíbel. Agora mesmo, por exemplo a propia policía podería abrir expedientes disciplinarios, e os policías agresores ser inhabilitados, temos un sistema de xustiza que pode funcionar moito mellor sen cambiar nada, chegaría con que os encargados de aplicar a lei, desterraran prexuízos e valores vetustos. Sen embargo, o que creo que é necesario, e que podería mellorar a situación notabelmente sería por en marcha un sistema de inspección destas agresións onde quen investigue non sexa parte interesada, persoas alleas á policía e ao sistema xudicial vinculado a este, neste sentido o MpDC xa fixera unha proposta de lei e mantén conversas para tentar que este texto sexa debatido no Parlamento.

MpD: Esta desigualdade semella que se extende tamén a todos os ámbitos das Administración Públicas e que nos procesos que inician os cidadáns contra delas sempre levan as de perder...
Begoña Ares: Tal e como o dis pode ser mal interpretado, e tomado como unha frase feita e sen fundamento. Se o cidadán ou cidadá que reclama ten razón, está claro que non vai perder, é dicir, se a lei recoñece claramente que a actuación da administración é incorrecta, esta terá que reparar o seu erro. Sen embargo, utilízase as prerrogativas da administración na actuación e na carga da proba, para tentar disuadir ao administrado/a de facer uso dos seus dereitos, se sabes que agarda un longo proceso, acabas renunciando se o dano ou agravio recibido non é moi grande. Esta situación de indefensión debe ser paliada na medida do posíbel.

MpDC: No seu artigo aboga pola regulación da concensión do indulto, de cara a evitar que se reproduzan casos como a absolución dos policías locais de Vigo, mentras os veciños do Eixo continúan no cárcere...
B.A.: Hoxe en día, igual que fai séculos, o indulto é unha concesión graciosa, e polo mesmo pode resultar, e de feito resulta arbitraria na súa concreción. Se existira unha regulación de que circunstancias se consideran merecentes de indulto, aínda sen ter afán de facer unha enumeración pechada, pero si que puidera orientar aos gobernantes á hora de concedelos, e tamén por parte dos cidadáns e cidadás á hora de solicitalo e saber que merece recibilo.

MpDC: Considera que os cidadáns galegos son conscientes dos seus dereitos e de como defendelos?
B.A.:
Creo que cada vez máis os cidadáns e cidadás galegas coñecen cales son os seus dereitos, proba disto é o aumento das denuncias que poñen de manifesto situacións que ate agora permanecían agochadas, e por non saír á luz, parecían non existir.

MpDC: Fomentar a educación neste senso axudaría a evitar que se avanzase no proceso de recorte de dereitos e liberdades que estamos a vivir?
B.A.:
A educación é fundamental, tanto na infancia e mocidade a través da educación en valores no ensino, como tamén agora mesmo a educación a eses grupos implicados directamente, é dicir, cursos de reciclaxe, para os axentes e funcionarios que atenden hoxe en día aos cidadáns e cidadás.

0 comentarios:

Publicar un comentario