A decisión do maxistrado avala a demanda presentada polo MpDC na que se denunciaban as reiteradas ilegalidades cometidas pola entidade local
O Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Santiago condenou ao Concello de Compostela á retirar as cámaras de vídeo vixilancia que ten o instaladas no casco histórico da cidade. O maxistrado do xulgado avala coa súa decisión a denuncia presentada polo Movemento polos Dereitos Civís contra a entidade compostelá por mor das continuas ilegalidades cometidas a respecto do sistema de vídeo control. Segundo o establecido na sentenza, o maxistrado considera que “debo declarar e declaro a non conformidade a dereito do acto administrativo recorrido, condenando á Administración demandada á retirada das cámaras de vídeo vixilancia na zona vella de Santiago de Compostela”. A resolución, contra a que cabe recurso ante ante o TSXG, supón un gran paso na loita contra a vulneración dos dereitos dos cidadáns, pois, por primeira vez, prevalece o interese xeral fronte as actuacións irregulares da administración en materia de vídeo vixilancia.
A sentencia, comunicada polo maxistrado esta mesma mañá, pon fin deste xeito ao procedemento iniciado en 2006 polo colectivo de dereitos civís. O voceiro do MpDC, Renato Ñúñez, valorou a noticia afirmando que “consideramos que a sentenza demostra que as autorizacións outorgadas pola Delegación do Goberno se fixeron sen o mínimo de garantías que esixe unha cuestión tan delicada como a vídeovixilancia. Cabe lembrar que ano tras ano a Delegación foi autorizando cámaras que non cumprían os mínimos esixidos pola lei”.
Inumprimento dos prazos
A este respecto, hai que destacar que o Concello incumpriu sistematicamente os prazos designados pola lexislación para a solicitude de renovación da autorización, que carece que libro de rexistro das imaxes ou que tivo operativas as cámaras durante meses sen contar coa sinalización debida, tal e como obriga a normativa actual. De feito, a Lei 4/97 obriga a solicitar a renovación anual das licenzas dous meses antes de que expire a mesma e “se transcorrido dito prazo non se tivese ditado resolución, a autorización entenderáse denegada”.
O xuíz destaca especialme o incumprimento deste punto por parte do Concello ao concluír que “no presente caso, resulta con toda evidencia que, como aduce a recorrente, nin consta resolución sobre as renovacións anuais, non as solicitudes se produciron no prazo (...), nin, a miores, constan solicitudes formuladas para os anos comprendidos entre 2002 e 2007, o que non só evidencia a necesidade de estimar o recurso na súa integridade, senón que dende logo pon de relieve a pasividade coa que o Concello ten tratado o trámite necesario e obrigatorio imposto pola Lei”.
Precedente na Galiza
A resolución do xulgado establece un precedente importantísimo na Galiza para a utilización do vídeocontrol, pois ata agora as administracións instalaban as cámaras cun absoluto desprezo pola normativa na materia, xa que contaban co respaldo da Delegación do Goberno, quen, en non poucas ocasións, autorizou dispositivos cando xa estaban instalados e non cubrían as garantías xurídicas mínimas para os cidadáns. “Esta sentenza demostra que as institucións encargadas de defender os dereitos dos galegos non están cumprindo co seu cometido, pois tanto o Valedor do Pobo como a Delegación do Goberno ignoraron as múltiples queixas trasladas polo MpDC e permitiron que se continuasen cometendo ilegalidades”, afirmou Núñez.
Dende a asociación tamén indicaron, para tranquilidade de todos os defensores da videovixilancia, que as cámaras non conseguiron evitar nin un só dos atentados contra o patrimonio ou a propiedade privada que se cometeron nos últimos anos no casco histórico compostelano; chegándose en ocasións á parodia ao sinalar que a cámara da Praza do Toral non serviría para averiguar a identidade das persoas que romperan os vidros dun comercio, porque nese momento “estaban apuntado a outro lugar”.
Ler máis información sobre este proceso
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
3 comentarios:
Parabéns para o traballo do MpDC!!! Por unha vez a xustiza, aínda que un pouco tarde, é xusta!!!
é unha nova excelente. Os cidadáns temos dereitos e un deles é a privacidade e garantías da nosa imaxe
Fora as cámaras xa. Isas e moitas máis que hai sen permiso algún, ningunha xustificación e despreciando aos cidadáns
Grazas polos ánimos. Para o MpDC esta sentenza supón un gran avanzo, xa que se trata da primeira deisión tomada por un xuez neste sentido. Por iso agardamos que sente un precente e serva de exemplo aos Concellos que teñen instaladas cámaras de vídeo vixilancia irregulares ou a aqueles que teñen intención de facelo.
As administracións públicas deberían ser as primeiras en amosar interese pola defensa dos dereitos dos cidadáns, especialmente daqueles que contan cunha protección especial (como o dereito á intimidade ou a propia imaxe), e, non obstante, amósanse como as máis audaces á hora de vulnerar as liberdades dos individuos, pois contan con obter o respaldo das autoridades.
A proliferación de cámaras de vídeovixilancia estáse a producir dun xeito descontrolado, sen garantías xurídicas para os cidadáns e sen que teñan demostrado eficacia algunha. Para o MpDC era moi importante gañar este proceso por todo o que pode significar para o futuro desenvolvemento da instalación de sistemas de vídeovixilancia.
E aproveitando esta ocasión, reiteramos a nosa petición para dar un paso máis na lexislación actual e regular tamén as cámaras que son de titularidade privada.
Publicar un comentario