Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC solicita a retirada das cámaras de tráfico do Concello de Compostela

Written By Virgulino on 23/9/08 | 9:00

Os dispositivos contan con zoom, dispoñen de mobilidade horizontal e vertical e permiten realizar gravacións de imaxe fixa e en movemento
O Movemento polos Dereitos Civís vén de presentar un escrito no Concello solicitando a retirada das cámaras de tráfico instaladas en Santiago de Compostela, xa que a súa configuración permite unha fácil vulneración do dereito á intimidade dos cidadáns que residen nas vivendas próximas a ditos dispositivos. Logo da sentenza favorable contra as vídeo cámaras da zona vella, agora o MpDC vai reclamar a retirada dos dez dispositivos para o control de tráfico que están instalados en pleno centro da cidade.

Segundo informou a Axencia española de Protección de Datos, estas dez cámaras contan con zoom e sistemas de gravación de imaxe fixa e en movemento e dispoñen de mobilidade horizontal e vertical. Estas cámaras, ao ser de tal calidade e contar con zoom, permiten enfocar ao interior de calquera vivenda das súas inmediacións, saber o que acontece no seu interior e gravar imaxes e vídeos que non contan con ningún tipo de control. Ademais, hai que ter en conta que a altura á que están colocadas, entre os 15 e 20 metros, permite realizar esta tarefa sen dificultades.

O MpDC destaca que non se trata dunha persecución contra o Concello ou os seus funcionarios, pero tamén lembra que xa se deu o caso de policías de Lugo que utilizaban as cámaras para controlar o que pasaba no interior das vivendas e non para regular o tráfico.

Por iso, a asociación solicitou ao alcalde de Compostela a retirada das cámaras e naqueles casos que non sexa, que se limiten as capacidades de ditos dispositivos, pois para o control do tráfico non fai falla que as imaxes queden gravadas.

Contradicións

Na resolución remitida pola Axencia tamén se plasma que estas cámaras de tráfico non realizan gravacións das imaxes obtidas limitándose á visualización das mesmas a través de monitores instalados no centro de control da Policía Local de Santiago de Compostela, sen embargo isto contravén co escrito que o Valedor do Pobo remitiu a esta asociación no que se recoñece que si se efectúan gravacións, aínda que, indicaba, se carecen de relevancia estas son destruídas.

0 comentarios:

Publicar un comentario