Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC considera que o alcalde de Santiago debería aclara a efectividade das cámaras

Written By Virgulino on 20/9/08 | 11:50

Non entende porque Sánchez Bugallo se empeña en presentar recurso cando non presentou un só informe sobre a efectividade das cámaras

Movemento polos Dereitos Civís afirma que en todo o proceso o avogado do Concello non defendeu a idoneidade das cámaras e intentou paralizar o proceso en base a que non se debería aceptar a denuncia.

Para o Movemento polos Dereitos Civís, o alcalde de Compostela vai iniciar unha andaina similar á do anterior alcalde de A Coruña, Francisco Vázquez, co topónimo da cidade. Buscará recorrer as sentencias que saian na súa contra, pondo man do diñeiro público, para demostrar unha obsesión, que as cámaras son legais. Nembargante non entra no fondo da cuestión, son úteis? Vale a pena pagar o sistema de videovixiancia e os gastos do xulgado para algo que non evita actos de vandalismo como os da praza do Toral durante o ano pasado?

Por outro lado a asociación que defende os Dereitos Civís en Galiza lembra que non hai suspensión cautelar da sentencia, o que si haberá é execución inmediata da mesma pois busca defender un dereito fundamental (o artigo 18 da Constitución) e o que non se pode é outorgar é o dereito ao Alcalde a seguir vulnerando ese dereito por si dentro de tres anos lle dan a razón no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. Nese sentido, o acontecerá, é que o xulgado ordenará a súa retirada para evitar que durante ese período se siga gravando aos cidadáns.

O MpDC tamén lembra a Sánchez Bugallo que parte da importancia da sentencia é o feito de que as cámaras de Compostela si que foron autorizadas, a cuestión está en que se autorizou de calquera maneira, alegremente, sen un mínimo de garantía; con solicitude feitas fora de prazo, sen informes de si se mantiñan os motivos polo que foron instaladas (de feito o xulgado non insistiu na obtención deses informes pois considerou que o concello non se basou en criterios de proporcionalidade e idoneidade para súa instalación) falta dos documentos que certifican as autorización dos anos 2002 e 2007, etc. En todo caso, a falta dun so deses requisitos xustifica a retirada das cámaras; e o concello acumulou moitos coa conivencia da Delegación do Goberno.

Xa no 2002, cando o MpDC presentou a primeira denuncia, Carlos Nieves afirmou que todo estaba en regla. Logo obtivemos os escritos da Delegación do Goberno nos que se confirmaba que as cámaras estaban sin autorización. Tamén nese caso a Delegación optou por darlle unha nova autorización ao Concello. Porque debemos acreditar nas declaracións de Sánchez Bugallo e de Santullano de que todo está correcto, xa vivimos esa situación e, neste caso, existe unha setencia que di que non é así.

En todo caso o MpDC tomará positivamente o recurso que presente Sánchez Bugallo xa que permitira afondar na idoneidade e proporcionalidade da utilización destas cámaras, asunto sobre o que non se pronunciou o xulgado.

0 comentarios:

Publicar un comentario