Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

“Manifiesto por la Lengua común”: un novo apartheid contra as linguas

Written By Virgulino on 13/9/08 | 9:00

por Rafa Villar

Arremedando aqueloutro manifesto do ano 1981, o coñecido como “Manifiesto de los 2.300” (que encabezaban individuos como Jiménez Losantos ou Amando de Miguel), un novo manifesto percorre a pell de brau (pel de touro, como a definira o poeta catalán Salvador Espriu). Se o “Manifiesto de los 2.300” só se refería á lingua catalá, tentando trasladar á cidadanía unha opinión contraria á normalización dos seus usos sociais, o novo manifesto é fundamentalmente unha defensa a ultranza da primacía do español sobre calquera outra lingua, mesmo as oficiais, en todos os territorios do actual Estado español.
O chamado “Manifiesto por la Lengua común”, que se deu a coñecer publicamente no pasado mes de xuño, ten como promotores a xentes como Vargas Llosa, Fernando Savater ou Albert Boadella, personaxes que nos últimos tempos se veñen situando na órbita política do partido UPyD (Unión, Progreso y Democracia), que ten como principal figura á inefábel Rosa Diez, ex militante da franquía vasca do PSOE e que chegou a formar parte dun Goberno vasco liderado polo PNV. Así mesmo, o PP vén asumindo os postulados do devandito manifesto e desde a dereita mediática (nomeadamente, desde o xornal El Mundo) se lle está a dar o máximo de cobertura.

 
"Cando se di que o castelán é a lingua común fronte ás outras linguas, estase a dicir que,
no noso caso, o galego non é lingua común, co cal se trataría simplemente
dunha lingua particular ou individual"

0 comentarios:

Publicar un comentario