Una enquisa encargada polo MpDC revela que tan só o 29% da cidadanía confía na imparcialidade das actuacións do alto comisionado parlamentario
O 54,1%% das galegas e dos galegos considera que o cargo de Valedor do Pobo é un cargo político e que as decisión tomadas polo alto comisionado parlamentario están condicionadas polos partidos políticos. Así se desprende dunha enquisa elaborada polo Movemento polos Dereitos Civís sobre a situación dos dereitos na Galiza, que será presentada nas vindeiras semanas. As persoas entrevistadas foron consultadas sobre o nivel de imparcialidade que lle atribúen á figura do Valedor do Pobo, e tan só o 29% considera que é totalmente imparcial, mentres que o 54,% dos enquisados responderon que, ao ser elixido polos partidos políticos, as súas actuación están condicionadas polos intereses de cada grupo.
Este dato chega logo de que o Valedor do Pobo presentase o Informe 2007, o primeiro balanzo da institución baixo a dirección de Benigno López. Segundo se especifica no documento, o número total de queixas recibidas este ano ascendeu ata as 2.280, “475 máis que o ano pasado”. O dato resulta bo, por canto implica un maior coñecemento desta institución por parte da cidadanía galega. Pero, polo tanto, tamén require dun maior compromiso do Valedor en resposta á confianza amosada polos galegos e galegas. Unha confianza que a enquisa do MpDC demostra que non existe entre a cidadanía.
A este respecto cabe lembrar que a institución se enfronta a unha denuncia no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, interposta polo MpDC, por mor de serlle denegado o dereito de acceso.
Colaboración das administracións
No Informe, o Valedor tamén destaca o “nivel de colaboración das administracións pode considerarse aceptable”, resaltando que non se ve na necesidade de declarar nin unha soa entidade hostil ou entorpecedora. De feito, no seu relatorio ante o Parlamento, Benigno López destacou que se “Formularon 48 recordatorios de deberes legais, recomendacións ou suxestións, e destas resolucións as administracións só rexeitaron ou non deron efectividade ao 12 %; por tanto, case todas as resolucións foron aceptadas, polo que se modificou a forma de proceder da administración no senso indicado polo Valedor”. O que o Valedor non recolle na súa memoria son aqueles casos que pechou e nos que deu crédito aos informes trasladados polas administracións sen entrar a investigar a fondo; entidades que logo resultaron sancionadas pola xustiza, tal como sucedeu coa queixa traslada polo MpDC contra o Concello de Santiago por incumprir a ordenanza sobre a Publicidade Estática ou a recente resolución que obriga á retirada das videocámaras da zona vella da cidade.
Tamén habería que falar das administracións, como o concello de Ares, que despois de ser amoestado polo Sr Múgica, viu como o Valedor do Pobo arquivaba a mesma denuncia sen recibir ningún tipo de recomendación. Por outro lado, non hai mais que ver a actitude co xulgado nº5 de Coruña, quen extraviou un expediente e o Valedor non lle realizou ningunha recomendación ou amonestación.
Neste senso, tamén hai que sinalar que se ben o número de queixas tramitadas aumentou considerablemente, a porcentaxe de queixas de oficio continúa a representar unha mínima parte dos asuntos, supondo tan só o 2% do total.
Áreas con máis queixas
Como vén sendo habitual, as áreas que máis queixas rexistraron foron “Obras Públicas e Expropiacións, con 319, Administración Económica, Comunicacións e Novas Tecnoloxías, con 293, e Medio Ambiente, con 278”. E como vén sendo habitual tamén, a institución realiza un detallado relatorio de cada caso concreto aceptado, pero non é quen de elaborar unha análise dos datos, motivos e procedementos que eles mesmos desenvolven para extraer recomendacións e solucións extensibles ás diferentes áreas da administración galega. É dicir, non semella tomar demasiado en serio o seu cometido, pois confórmase con resolver os casos puntuais e remitir recomendacións, que non comproba que sexan efectivamente cumpridas ou asimiladas.
A este respecto cabe sinalar que, a diferenza doutros anos, os cidadáns de Vigo foron os que máis queixas presentaron, con 266 escrito, seguida da Coruña (198) e Santiago de Compostela (138). Pola súa banda, o Concello de Ribeira foi a entidade local contra a que maior número de queixas se presentaron, en total 27, pasando por riba de capitais de provincia e concellos máis poboados.
Dende o MpDC queremos reclamar ao Valedor do Pobo que asuma dunha vez as súas funcións, realice investigacións en profundidade, deixe o corporativismo a un lado e tente achegar solucións prácticas ao conxunto da cidadanía galega, pois esa é a súa misión.
Máis da metade das galegas e galegos considera que as decisións do Valedor do Pobo están condicionadas polos intereses políticos
Written By Virgulino on 24/9/08 | 20:01
Etiquetas:
Administración de Xustiza,
Concello da Coruña,
Concello de Ares,
Concello de Ribeira,
Concello de Santiago de Compostela,
Dereito á Liberdade de Expresión,
Dereito de Acceso,
enquisa
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario