O organismo recoñeceu que se produciu unha mala práctica xudicial e policial, pero entende que depurar responsabilidades implicaría meterse na vida privada das afectadas
A Axencia española de Protección de Datos negouse a investigar as actuacións xudiciais e policiais levadas a cabo durante o proceso aberto contra a clínica Isadora, pois considera que iniciar un expediente suporía invadir a intimidade das mulleres afectadas. Asó llo trasladou ao Movemento polos Dereitos Civís nun escrito no que rexeita a petición cursada polo colectivo.
O MpDC solicitara á Axencia Española de Protección de Datos que iniciase de oficio unha investigación para aclarar as posibles irregularidades cometidas polos axentes que se encargaron de notificar as citacións nos seus domicilios ás mulleres implicadas no caso da clínica de abortos Isadora.
De feito, a propia Axencia indicou que se trata dunha mala práctica por parte dos Corpos e Forzas de Seguranza, pero sinalou que só tomaría medidas no caso de que algunha das afectadas presente unha denuncia contra os axentes. Ante a gravidade dos feitos e de cara a evitar que se volvan repetir novos atentados omo este contra a intimidade das persoas, o Movemento polos Dereitos Civís presentou unha denuncia, posto que posúe lexitimación activa para tal fin.
“Se desprende con claridad que el inicio de actuaciones pro parte de la Agencia tendentes a la averiguación de los hechos denunciados por el MOvemento polos Dereitos Civís y a la constatación de la existencia de personas afectadas, con la tramitación, en su caso, de un procedimiento sancionador, supondría un acceso al ámbito de la vida personal y familiar de las afectadas de especial sensibilidad que no ha sido querido por ellas, al no formular denuncia, por lo que se acuerda no iniciar el procedimiento sancionador”, informou a AEPD. A Axencia cae no paradoxo de admitir a mala actuación da autoridade neste caso, pero evita iniciar unha pescuda para depurar responsabilidades escusándose na defensa da intimidade das mulleres afectadas, xa que entende que se trata dun tema de especial sensibilidade.
A intención da asociación non é outra que esclarecer as responsabilidades que tiveron lugar no momento das citacións ás mulleres afectadas, pois realizáronse sen ter en conta o seu dereito á intimidade e vulnerando de xeito grave datos especialmente protexidos. En ningún momento se pide é investigar ás mulleres nin inmiscuirse na súa esfera privada, senón analizar as actuacións xudiciais e policiais, para evitar que se repitan no futuro.
0 comentarios:
Publicar un comentario