Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Valedor do pobo dirixese aos Xulgados de Coruña por unha denuncia contra Paco Vázquez

Written By Virgulino on 13/8/08 | 14:40

Xa fai máis tres anos que o Movemento polos Dereitos Civís presentou unha denuncia contra o antigo alcalde por desacato e prevaricación en relación co topónimo da Coruña sen que o xulgado resolvera aínda sobre este asunto.

O Valedor do Pobo ven de aceptar unha queixa contra o Xulgado de Instrución nº5 dos da Coruña por non se pronunciar sobre un recurso presentado pola asociación contra o entón alcalde da Coruña, Francisco Vázquez, por mor da decisión tomada durante a sesión plenaria na que se decidiu cambiar o topónimo oficial do municipio polo de La Coruña. A denuncia fora presentada en decembro de 2005 e o xulgado ditou auto polo que se acordaba o sobreseimento provisional e arquivo da causa. Non obstante, en xaneiro de 2006 emitiuse unha providencia dese mesmo tribunal polo que se comunica ao MpDC que se ten por presentado o seu recurso de reforma a esta decisión en tempo e forma. En novembro dese mesmo ano, o colectivo volveuse dirixir ao xulgado coruñés para solicitar que se resolvese o recurso interposto. A día de hoxe aínda se agarda unha resposta por parte da Xustiza, logo de que xa se tivese producido un cambio de alcalde e parte do goberno municipal.

Dereitos Civís denunciara que a modificación do topónimo da cidade non entra dentro das competencias asignadas aos Concellos, e así consta nas dúas sentenzas do Tribunal Supremo e do Xulgado do Contencioso-administrativo emitadas a este respecto. Así mesmo, tamén se criticaba o uso reiterado de cartos públicos para a defensa dun acordo declarado contrario a dereito en varias ocasións, sendo responsábeis deste despilfarro os concelleiros que votaron a favor da modificación do nome da cidade.

Perante a demora do Xulgado en resolver o asunto, o MpDC dirixese agora ao Valedor do Pobo para que este vele polo dereito a unha administración de xustiza eficiente.

0 comentarios:

Publicar un comentario