Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Dereitos Civís diríxese á Delegación para pescudar se a autorización das cámaras da estación da Coruña foi renovada

Written By Virgulino on 15/5/08 | 18:45

A normativa en materia de videovixiancia obriga a actualización anual dos permisos para poder continuar rexistrando imaxes

O movemento polos Dereitos Civís vén de interpor un recurso extraordinario de revisión ante a Delegación do Goberno a fin de que a institución informe ao MpDC sobre a situación actual na que se atopan as cámaras de videovixiancia instaladas na estación de autobuses da Coruña. A asociación remitira un escrito á Delegación o pasado 25 de xaneiro para averiguar se o Concello iniciara os trámites para solicitar a renovación da autorización dos dispositivos, xa que, segundo a lexislación actual, os permisos só se conceden por doce meses e a solicitude renovación tense que cursar dous meses antes de que expire a data final (neste caso sería o 19 de decembro de 2007).

Pola súa banda, a institución gobernamental respondeu que a instalación das referidas cámaras foi autorizada por resolución do Delegado do Goberno de Goberno, con data do 19 de febreiro de 2007, aínda que non informou a Dereitos Civís se se procedera a renovación da autorización. Por este motivo, o MpDC vén de presentar o recurso extraordinario de revisión, co fin de obrigar ao organismo a responder á cuestión exposta.

Hai que lembrar que as cámaras de videovixiancia estiveron en funcionamento durante seis meses a pesar de que carecían dos permisos necesarios para a súa instalación. Aínda así, e tras ser denunciadas por Movemento polos Dereitos Civís, a Delegación decidiu outorgarlle a autorización sen impor unha sanción ao Concello por cometer unha ilegalidade, na que foron gravemente lesionados os dereitos de todas as persoas que durante ese período pasaron polo recinto da estación.

Praza do Humor

Dereitos Civís tamén recorrerá a instalación das cámaras de videovixiancia situadas na Praza do Humor, xa que non cumpren co principio de idoneidade. Os dispositivos, que teñen autorización, foron colocados co obxectivo de acabar coas concentracións de rapaces que se xuntan no lugar para facer “botellón” cada fin de semana. Non obstante, como ben queda demostrado, as cámaras móstranse inútiles para cumprir o fin para o que foron instaladas, posto que non lograron disuadir ás reunións de mozos e mozas na zona. Polo tanto, os dispositivos están incumprindo co principio básico de idoneidade co que se xustificou a gravación de cidadáns nese lugar, xa que quedou demostrado que non é a monitorización da mocidade o mellor método para evitar o “botellón” e as súas consecuencias.

0 comentarios:

Publicar un comentario