Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O Valedor do Pobo avala a decisión ilegal de Abel Caballero de prohibir o acceso a un pleno municipal

Written By Virgulino on 11/3/08 | 16:18

A institución pechou o expediente aberto contra o Concello, logo de dar por válidas as explicacións da Policía Local e en contra da actuación da Fiscalía de Vigo

O Valedor o Pobo vén de pechar a investigación que estaba a realizar sobre a actuación do Concello de Vigo durante a celebración do pleno municipal do pasado 29 de decembro, no que non se permitiu o acceso aos veciños. Logo de recibir o pertinente informe elaborado pola Policía Local, a institución responsábel de custodiar os dereitos e as liberdades dos galegos deu por boa a resposta do alcalde e decidiu pechar o expediente de queixa tramitado por Dereitos Civís. Para o Valedor as afirmacións trasladadas por Abel Caballero son suficientes para respaldar a súa actuación e restaurar a legalidade vulnerada. No escrito, o rexedor vigués asegura que “non existe vulneración dos dereitos fundamentais dos veciños”, pois entende que o método de ordenación do acceso ao Concello “non foron en ningún caso discriminatorios” e xustifica o despregue policial alegando que era necesario para “asegurar a presenza das persoas que chegaran primeiro e evitar situacións de violencia”.

Con esta decisión, o Valedor mostra que non tivo interese real por realizar unha investigación en profundidade para aclarar as responsabilidades nesta clara limitación do dereito de acceso e desenténdese das súas tarefas sen iniciar un proceso para comprobar as escusas transmitidas dende o Concello, en clara contradición coa decisión da Fiscalía de Vigo, que continúa adiante cas denuncias presentadas por diversos colectivos contra o alcalde, pola súa actuación neste caso.

No informe remitido ao Valedor do Pobo, a Policía Local da cidade olívica asegura que no salón só había sete ou oito asentos baleiros, que correspondían aos lugares reservados para a prensa. Esta puntualización contrasta coas declaracións dalgúns veciños que puideron acceder ao interior do Concello e que indicaron que había espazo suficiente. Así mesmo, xustifican que mantiveron pechada a verxa principal de entrada polo “importante número de veciños” congregados e ante “o presumible conflito que podería xerarse” e que habilitaron a entrada por un acceso lateral (exactamente o garaxe de funcionarios), para permitir o acceso “a aquelas persoas que chegaran antes ao lugar”. Non obstante, segundo manifestaron os cidadáns alí presentes, non foron os veciños máis madrugadores os que lograron pasar ao interior do salón de plenos, senón un reducido grupo de persoas previamente “seleccionado”.

O MpDC apela ao Valedor do Pobo para que a partir de agora tome en serio as súas funcións como garda do dereitos e liberdades dos cidadáns galegos e teña por ben atender as demandas da cidadanía en lugar de procurar ocultar e validar as accións ilegais e delictivas de outras administración públicas. Por esta razón, a asociación demanda a esta institución que antes de pechar un expediente realice todas as comprobacións necesarias e verifique a veracidade dos informes e xustificacións trasladados polos Concellos.



0 comentarios:

Publicar un comentario