Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Indefensión e violación do dereito á honra, a intimidade e a propia imaxe

Written By Virgulino on 14/3/08 | 17:52

Dereitos Civís denuncia que a sistemática impunidade das administracións que incumpren a lexislación referida á gravación e fotografado das persoas deixa nunha situación de inseguridade xurídica a todos os cidadáns

A modernización dos sistemas de recollida de datos e a falla de regulamento efectivo está a provocar unha cada vez máis ampla inseguridade xurídica dos cidadáns fronte aos novos sistemas de videovixiancia e control social. Nos últimos tempos é frecuente escoitar as declaracións de reponsábeis políticos dos Concellos anunciando a instalación nas dependencias municipais de cámaras e sistemas de gravación para “reforzar a seguridade” tanto das persoas como dos edificios, sen que na maioría dos casos a eficacia destes sistemas estea probada, e moito menos, se aplique o cumprimento da lexislación vixente nesta materia. Pola súa banda, as institucións públicas encargadas de garantir o respecto aos dereitos cidadáns e as liberdades veñen obviando as súas responsabilidades coa sociedade en favor dunha política de man branda coas irregularidades cometidas polas administracións, nomeadamente coas corporacións municipais, as máis próximas aos cidadáns e polo tanto, as primeiras que deben atender as súas demandas e ollar polo íntegro cumprimento da lei.

Dende Concellos que instalan cámaras sen contar coa autorización da Delegación do Goberno ata axentes dos Corpos e Forzas de Seguridade que toman imaxes dos participantes nas mobilizacións cidadáns e logo negan a súa acción, as actuacións irregulares pódense contar por ducias no noso país, sen que isto supoña un reforzo do control por parte das institución. Unha situación que o Movemento polos Dereitos Civís ten denunciado dende o comezo da súa andaina, reclamando máis medidas de control para evitar a indefensión xurídica na que se atopan os cidadáns fronte ao rexistro, difusión e arquivado da súa imaxe. A administración é encargada de velar polos dereitos recollidos no artigo 18 da Constitución e polo tanto é o seu cometido intervir naqueles casos nos que se infrinxiu a lei e sancionar ao organismo culpábel. Para iso deberá deixar de actuar dun xeito corporativista, agochando e respaldando as políticas baseadas no abuso de dereito e nas mentiras, e comezar a esixir respostas que se axusten ao marco xurídico de cara a permitir aos cidadáns tomar as medidas oportunas cando os seus dereitos son vulnerados. Doutro xeito o acto de negar un feito por parte dunha entidade, cuxa veracidade non se comprobou, estaría anulando calquera acción legal emprendida a iniciativa dun colectivo ou particular social.

Cámaras ilegais

A proliferación do emprego das cámaras de videovixiancia é unha das cuestións que máis preocupan ás asociación de Dereitos Civís.O sistemático incumprimento da Lei que regula a instalación destes obxectos é unha constante nos municipios galegos, polo que a miúdo se teñen elevado queixas ante os organismos competentes, tais como a Delegación do Goberno, o Valedor do Pobo ou a Axencia Española de Protección de Datos, responsábeis de ollar pola salvagarda dos dereitos dos cidadáns, especialmente daqueles cualificados como “Fundamentais” na Constitución Española. Non obstante, que garantías xurídicas atopan os cidadáns se un concello que incumpre a lexislación pode escusar a súa acción argumentando que os dispositivos non recollen imaxes a pesar de estaren instalados sen autorización? Exemplos destas situacións atopámolos en municipios como Ares, O Grove, A Coruña ou Ribeira, onde, co gallo das investigacións iniciadas por algún dos organismos citados, os responsábeis políticos apresuráronse a negar que as cámaras denunciadas tomasen imaxes dos cidadáns, que simplemente exercían unha “función disuasoria”. Na meirande parte dos casos esta resposta difusa, e que supón un fraude de lei, foi suficiente para pechar o expediente, sen necesidade de que as entidades locais presentasen probas para confirmar as súas afirmacións, así como tampouco se realizou a comprobación da suposta inoperatividade dos dispositivos. Tan só nun caso o Defensor del Pueblo, tras as reiteradas queixas e demandas transmitidas polo MpDC, remitiu un escrito ao Concello de Ares para instar á Corporación a retirar as cámaras instaladas no exterior do Consistorio, e lembrou á entidade, que o feito de que unha cámara non rexistre non é razón suficiente para obviar a normativa. Non obstante, esta converteuse ata o momento na única actuación “sancionada” dende a administración, aínda que a limitada acción do Defensor non implica obriga para os Concellos.

Outra das respostas coas que se atopou Dereitos Civís nas súas pesquisas referíanse á tramitación dos permisos no mesmo momento no que as cámaras estaban sendo instaladas, ou posteriormente. Isto tamén supón unha ilegalidade, a pesar de que a propia Delegación recorreu ás “boas intencións” dos gobernos municipais cando a asociación lle dirixiu escritos mencionando a irregularidade das cámaras.

O feito de que a institución titular da cámara negue a existencia de imaxes impide aos cidadáns que foron gravados que poidan acceder aos arquivos gráficos ou mesmo emprender accións derivadas da violación dos dereitos recollidos no artigo 18 da CE, creando deste xeito unha situación de inseguridade xurídica difícil de solucionar. A este respecto cabe ter en conta aquelas circunstancias nas que as cámaras foron empregadas por membros dos Corpos e Forzas de Seguridade para outros fins ben distintos á seguranza, vulnerando a intimidade dos cidadáns, sen que por isto fosen obxecto de sanción.

Imaxes ficticias

As cámaras fixas de videovixiancia súmanse novos sistemas para rexistrar datos como as cámaras dixitais ou os teléfonos móbiles, empregados nos últimos tempos pola policía tanto para identificar aos suxeitos como para “previr” posibéis denuncias por abuso de forza. En maio de 2006, Dereitos Civís denunciou que a policía Local de Vigo tomara imaxes fotográficas dun grupo de cidadáns que protestaban diante do Concello ao negárselle o acceso a un pleno. Meses despois, o concelleiro delegado de Seguridade declaraba que os axentes realizaron unha toma fotográfica sen carrete, só para crear medo a seren identificados os manifestantes máis molestos coa actuación policial. Segundo a Lei Orgánica 4/1997, que regula a captación de imaxes en lugares públicos, establécese que esta autorización previa das forzas e corpos de Seguridade do Estado corresponde á máxima autoridade provincial, neste caso o Subdelegado do Goberno en Pontevedra. Ademais, a captación das mesmas debe rexerse polo principio de idoneidade e tamén de intervención mínima, valorando que sexa a mellor opción para os fins propostos. A contradición chega cando se descubre que as cámaras son dixitais e polo tanto non precisan carrete fotográfico para recoller imaxes. Unha situación semellante deuse en Xinzo Limia durante unha manifestación. Daquela, un Garda Civil tomara fotos coa cámara do seu móbil aos participantes, aínda que, unha vez comprobada a ilegalidade da súa acción, mentiu ao xuíz e asegurou que só empregaba o móbil para anotar o número de participantes, a pesar dos testemuños que o viron rexistrando imaxes e mesmo lle indicaron que deixara de facelo.


Tamén no Concello de Vigo o goberno saíu a desmentirse a si propio despois de que unha cámara instalada por unha empresa privada para controlar unha figura da Cow Parade fose empregada para identificar a un individuo. Ao percibir a ilegalidade cometida, o goberno sinalou que o mozo resultara identificado persoalmente por unha patrulla de axentes municipais que pasaban polo lugar. Outra vez cáese nunha contradicción que a tanto o Valedor como Protección de Datos deron por válida sen comprobar a súa veracidade.


Situacións e casos como os expostos dan conta da indefensión xurídica na que se moven os cidadáns fronte aos novos sistemas de control dos individuos, xa que a administración non é quen de autorregularse, cumprindo a normativa vixente nesta materia, nin está disposta a actuar cando as institucións vulneran os dereitos e as liberdades das persoas. A salvagarda da intimidade e o control sobre a propia imaxe deberían ser dous aspectos a ter moi en conta pola administración pública nun momento no que a tecnoloxía permite apropiarse e modificar a imaxe allea con facilidade e no que os novos medios de comunicación permiten difundir os contidos dun xeito instantáneo e case ilimitado.

Gravación de detidos


A cuestión relacionadas coa gravación ilegal dos detidos durante a súa estancia nas dependencias policiais será abordada nos tribunais. A asociación que defende os dereitos cidadáns na Galiza presentou unha denuncia no xulgado do contencioso contra a Delegación do Goberno por non informar sobre a toma de imaxes de xeito irregular dos detidos. O Movemento polos Dereitos Civís dirixiuse á Delegación o pasado mes de agosto co obxectivo de averiguar se as Forzas e Corpos de Seguridade que actúan no territorio galego gravan as detencións, petición que a institución dirixida por Manuel Ameijeiras se negou a aclarar.

A Delegación argumentou que esta información ten un carácter secreto, polo que non se pode constatar unha actuación que, de producirse, constituiría un feito delictivo ao vulnerar a Lei de Videovixiancia e a de Protección de Datos. Non obstante, o organismo asegurou sen problemas ao MpDC que a información obtida mediante as gravacións “no suposto de habelas, ten un carácter reservado e a súa difusión está legalmente prohibida”.




A gravación ilegal dos detidos supón un perigo engadido para os arrestados xa que, ademais de non contar coa autorización dos afectados, as imaxes pódense filtrar son facilidade ao estaren en soportes de propiedade particular e polo tanto non suxeitas aos mesmos controis que as cámaras instaladas nas comisarías. De feito, non sería de estrañar rematar vendo estas gravacións nos medios de comunicación, unha práctica que nos últimos tempos se converteu nunha nova habitual aproveitada polas televisión e a prensa para gañar audiencia, sen ter en conta o respecto aos dereitos dos detidos, xa que se está a traficar coa súa imaxe sen que os gravados poidan controlar a difusión da mesma. Un claro exemplo desta vulneración dos dereitos á intimidade e ao honor dos detidos deuse no Concello, logo de que un xornal publicase as imaxes gravadas por unha cámara de tráfico a través dunha filtración interna. A Policía Local, que nun primeiro momento admitira esta cesión, negou ante o Defensor del Pueblo e Protección de Datos este feito, logo de que fose presentada unha denuncia contra deles.

0 comentarios:

Publicar un comentario