Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Dereitos Civís critica duramente a actuación do Valedor do Pobo no Pleno do PXOM de Vigo

Written By Virgulino on 12/3/08 | 18:02

A institución ofreceu dúas respostas, unha oficial ao MpDC e outra oficiosa aos medios, completamente diferentes para argumentar o peche do proceso contra o Concello por vulnerar o dereito de participación

Dereitos Civís rexeita os argumentos expostos polo Valedor do Pobo para pechar o expediente de investigación aberto contra o Concello de Vigo pola limitación do dereito de acceso aos veciños a un pleno municipal. Segundo a resposta trasladada ao MpDC, a institución arquivou o caso ao dar por válidas as afirmacións do alcalde vigués, quen aseguraba que non existiu vulneración dos dereitos dos veciños e que os métodos empregados non foron “en ningún caso discriminatorios”. Non obstante, dende o organismo informouse aos medios que se arquivara a investigación porque había un proceso xudicial polo medio, e “neses casos non debe actuar”.

Dende Dereitos Civís pregúntanse por que o Valedor respaldou a actuación de Abel Caballero e o informe elaborado pola Policía Local na resposta remitida á esta asociación sen realizar maiores averigüacións, e logo busca xustificarse perante os medios argumentando motivos legais para pechar o proceso e que non gardan relación algunha coa contestación desa Institución ao MpDC nin coa contestación do Concello de Vigo; senón que se refiren a unha cuestión de intromisión nas tarefas da actividade xudicial.

Para o MpDC, o Valedor do Pobo buscaba avalar a actuación ilegal do Sr Abel Caballero na cotestación oficial aos denunciantes, e logo buscou xustificarse cunha contestación oficiosa perante os medios.

O MpDC lembra que a pesar do que di o Valedor e o Alcalde de Vigo, os medios de hoxe recollen o acontecido en realidade e siguen falando da prohibición de entrar no pleno aos veciños e veciñas que chegaron primeiro, permitindo a entrada soamente a simpatizantes e militantes socialistas, incluso de localidades limítrofes.

Ante esta situación, a asociación que defende os dereitos civís na Galiza volve insistir ao Valedor que é necesario que revise as súas prerrogativas e métodos de actuación e comece a realizar as tarefas para as que a institución foi constituída: defender e garantir os dereitos e liberdades dos cidadáns galegos.

Tamén fai un chamamento á cidadanía, sobre todo aos veciños e veciñas directamente afectados, para que valoren obxectivamente as Institución que en teoría deben velar polos seus dereitos e saquen conclusión sobre cales son os seus obxectivos últimos.

0 comentarios:

Publicar un comentario