Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

Renfe prohibe a difusión do voceiro do MpDC na estación de tren de Compostela

Written By Virgulino on 1/2/08 | 19:08

A empresa ferroviaria Renfe vén de prohibir a distribución do terceiro número do voceiro que reparte o MpDC nas súas dependencias, sen achegar ningunha clase de explicacións que xustifique semellante decisión. Os repartidores da publicación achegáronse o pasado xoves á estación de Compostela para repartir un lote de xornais ao igual que se viña facendo nos últimos meses. Non obstante, os distribuidores atopáronse coa sorpresa de que nesta ocasión se lles indicou que non podían repartir os voceiros. A decisión foi trasladada polo xefe da estación de Compostela, que tras coñecer o nome da publicación moveu a cabeza cun xesto negativo e afirmou: “home, iso non”, e sen dar máis explicacións nin razoamentos prohibiu a distribución do voceiro nas súas instalacións.

A decisión resulta inexplicábel se se ten en conta que no mesmo recinto pódense atopar en moitas ocasións, ao alcance de calquera viaxeiro, outras publicación de carácter gratuito ás que, polo visto, se lles permite ocupar un oco sen que isto supoña un problema. Acaso consideran dende Renfe que o voceiro é unha publicación sediciosa e subversiva que pode “molestar” aos seus viaxeiros? No presente número do citado voceiro, curiosamente, tamén aparece recollida unha nova da Mesa da Normalización Lingüística na que se denunciaba que a empresa ferroviaria obvia o uso do galego nas súas comunicacións e instalacións. Quizais Renfe entendeu a información como unha mala publicidade e castiga deste xeito a todos aqueles medios que a reflectiron nas súas páxinas. Os distribuidores pregúntanse se Renfe aplicará esta medida a todos os medios que sacan informacións negativas da súa entidade e non pode mercar o seu silenzo con publicidade.

0 comentarios:

Publicar un comentario